O filme 'Longa Noite' gaña a sección internacional do festival peruano Transcinema

Os premios do IVº Festival Novos Cinemas de Pontevedra van para producións de cinco países distintos

O recentemente estreado filme Longa noite de Eloy Enciso acadou esta semana un novo recoñecemento no circuíto internacional ao resultar gañador na sección de competencia internacional do Festival Transcinema , o "festival independente de cine contemporáneo, no-ficción y otras transgresiones cinematográficas" de Lima, Perú. Longa noite chegou aos cines o pasado día 5 de decembro exhibíndose ata en 15 salas e, segundo os últimos datos do Ministerio de Cultura e Deporte, leva un acumulado de cerca 1.500 espectadores.

Xa na nosa terra, rematou en Pontevedra a cuarta edición do festival Novos Cinemas e tras de si deixou o palmarés co que o público e o xurado quixo recoñecer os filmes mais destacados nas diferentes categorías desta cita internacional. O filme francés metacinematográfico de docu-ficción Ne croyez surtout pas que je hurle, de Frank Beauvais, levou o premio Novos Cinemas á mellor longametraxe da Sección Oficial outorgado polo Xurado Internacional. A película documental arxentina sobre o funcionamento universitario Las Facultades de Eloísa Solaas foi a merecedora do premio da Crítica á mellor película das seccións competitivas. Pola súa banda as votacións do público levaron a conceder o premio popular ao filme británico Bait, un drama dirixido por Mark Jenkin. Esta mesma película obtivo tamén unha Mención Especial por parte do Xurado Novo formado por alumnos da UVIGO, que ademais concedeu o seu premio ao mellor director da Sección Oficial para o angolano Carlos Conceição por i>Serpentário. Finalmente o Premio LATEXOS ao mellor filme da sección do mesmo nome, outorgado por un xurado conformado por representantes dos cinemas NUMAX, Zumzeig Cinema e Círculo de Bellas Artes, foi para o documental español De los nombres de las cabras, de Silvia Navarro e Miguel Morales.