Dous encontros amosan o xeito no que a navegación chega á literatura e cala na Historia

Víctor Freixanes, María Solar e Pemón Bouzas participan hoxe nun parladoiro en Pontevedra

Situar a importancia do imaxinario da navegación no sistema literario galego e na nosa Historia é o obxectivo dun ciclo de dous parladoiros que son programación anexa da exposición «Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV - XVII», instalada no Museo de Pontevedra polo Consello da Cultura Galega. Hoxe mércores ás 19:30 horas, no Sexto Edificio do Museo, terá lugar a primeira mesa do ciclo, que leva como título A Galicia navegante no imaxinario literario e nela participarán Víctor Freixanes, Pemón Bouzas e María Solar, tres autores con obra publicada ambientada ou con referencias a viaxes marítimas.

Pemón Bouzas (Palmeira-Ribeira, 1957) é un escritor cunha ampla bibliografía relacionada co mundo mariño. Na súa intervención fará un repaso da investigación que realizou ao redor de figuras históricas da navegación galega como foron Mourelle de la Rúa ou Francisco Caamaño. Outro feito histórico, a expedición Balmis, que partiu do porto da Coruña coa vacina para paliar o andazo de varíola que sufría América, é o que conta María Solar (Santiago de Compostela, 1970) na súa novela Os nenos da varíola, sobre a que afondará na súa intervención. No quimérico Mar dos Espellos, transcorre O Triángulo inscrito na circunferencia, a primeira e premiada novela de Víctor Freixanes (Pontevedra, 1951), que mestura o real e o irreal, o tanxible e o imaxinado, a partir da que fará unha achega da relación entre literatura e o mundo mariño na cultura galega. A profesora da Universidade de Santiago de Compostela e secretaria do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, exercerá como coordinadora deste encontro, o primeiro do ciclo e que terá continuidade o vindeiro mércores 18 nun segundo parladoiro, desta volta centrado nos datos e feitos históricos. A Galicia navegante na investigación histórica será o seu tema e contará coa participación de Pilar Cagiao, José Manuel Vázquez Lijó e Anxo Rodríguez Lemos, baixo a coordinación de Ofelia Rey Castelao.