12 estampas mariñeiras da literatura galega

A presenza do mar na poesía e na narrativa ao longo de dous séculos

A presenza do mar na poesía e na narrativa ao longo de dous séculos
Nun país como Galicia, cunha importante franxa litoral, a literatura do mar ten unha presenza que ás veces non é doada de ver no seu conxunto. A raíz da exposición "Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV-XVII", que acolle a sala municipal de exposicións de Tui ata o 9 de xuño, o Consello da Cultura Galega organizou na cidade o pasado mércores 2 de xuño unha mesa redonda que contou coa participación de Víctor F. Freixanes e Pemón Bouzas, baixo a moderación de Ramón Nicolás, para falar sobre o mar na literatura galega. Ao fío do evento, seleccionamos para esta fin de semana 12 obras da literatura galega nos que o mar xoga un papel importante. O proceso de selección, no que tentamos combinar xéneros, tipos de argumentos e épocas, fíxonos reparar na abundancia de creación literaria vinculada co mar que temos na literatura do país. Sirvan estes exemplos como unha escolma limitada, na que podería haber moitas máis obras- a partir da cal explorar este universo de letras salgadas.


Ermida de San Mamede. Foto: Óscar Franco / patrimoniogalego.net

1. As cantigas de San Mamede de Johan de Cangas (seculo XIII)

O trobador Johan de Cangas, que estivo activo entre o último cuarto do século XIII e comezos do XIV, compón, xunto con Meendinho e Martín Códax, un dos tres poetas da ría de Vigo, xunto con Meendinho e Martín Códax, que abordaron o tema do mar nas cantigas de amigo da lírica galegoportuguesa medieval. Johan de Cangas era do Morrazo e conservamos del tres composicións asociadas á capela de San Mamede, en Beluso (Bueu), onde unha moza namorada agarda polo seu amigo. Os seus poemas consérvanse no Cancioneiro da Biblioteca Nacional (Lisboa) e no Cancioneiro da Biblioteca Vaticana.

Amigo, se mi gran ben queredes,
id' a San Momed' e veer m' edes;
oje non mi mençades, amigo!

Pois mh aqui ren non podedes dizer,
id' u ajades comigo lezer;
oje non mi mençades, amigo!

Serei vosc' en San Momede do mar
na ermida, se mho Deus aguisar;
oje nom mi meçades, amigo!


2. Cantares gallegos, de Rosalía de Castro (Imprenta de J. Compañel, 1863)

En Cantares Gallegos, a súa primeira obra en lingua galega, Rosalía de Castro inclúe o poema "Nosa Señora da Barca", claramente baseado na experiencia vivida por ela mesma, na súa mocidade, ao asistir en Muxía á famosa romaría. Esta tamén inspiraría a súa novela A filla do mar (orixinalmente en castelán). Rosalía reflectiu a chegada dos romeiros por terra, pero tamén por mar.

Canta xente... canta xente
Por campiñas, e por veigas!
Canta pó lo mar abaixo
Ven camiño da ribeira!
Que lanchas tan ben portadas
Con aparellos de festa!
Que botes tan feituquiños,
Con tan feituquiñas velas!
Todos cargadiños veñen
De xentiña forasteira,
E de rapazas bonitas
Cura de tódalas penas.


3. Vento Mareiro, de Ramón Cabanillas (1915).

Este libro de Cabanillas conta na súa segunda edición cunha das máis fermosas cubertas de inspiración mariña da literatura galega, a cargo de Castelao. Este poemario fundamental para a renovación da poesía galega a principios do XX está inspirado nun concepto que Cabanillas exportou a toda Galicia, o ‘vento mareiro’ ou vento que vén do mar.



4. De catro a catro, de Manuel Antonio (1928)
Os dezanove poemas de De catro a catro non só son un dos cumios da poesía galega e un bo expoñente da penetración das vangardas dos anos 20 na literatura en galego, senón tamén un exemplo da construción dun universo literario a partir do mar, a experiencia de navegación, e o léxico e os coñecementos mariñeiros.


5. Ouveade, naves de Tarsish, de Xoán Bernárdez Vilar (1983)

Esta novela, unha das grandes esquecidas da literatura galega, ficcionou por primeira vez para a literatura contemporánea todo un discurso culto xurdido desde a arqueoloxía e a historia desde o século XIX sobre as navegacións prehistóricas. Así, nesta novela combínanse as máis antigas referencias ao litoral galego co que se sabía dos castros por volta de primeiros dos 80, para contar as navegacións de fenicios e galaicos a través do Atlántico. É tamén unha das poucas novelas para adultos ambientadas nunha época de tanta relevancia identitaria para Galicia como a Idade do Ferro.


6. Tempo de ría, de Xohana Torres (1992)

Neste poemario fundamental da poeta Xohana Torres, de familia de mariños, achéganse imaxes fortes da ribeira: "Nada máis entreabertos os ollos/ danados polo sol, a claridade restitúe/esa visión de casas nas orela,/limoeiros e mastros".. E no poema Penélope figura un verso que se había converter nun auténtico marca dunha nova poesía feminista, unha relectura da muller que agarda na casa o retorno do viaxeiro por mar: "Eu tamén navegar".

PENÉLOPE
DECLARA o oráculo:
"QUE á banda do solpor é mar de mortos,
incerta, última luz, non terás medo.
QUE ramos de loureiro erguen rapazas.
QUE cor malva se decide o acio.
QUE acades disas patrias a vindima.
QUE amaine o vento, beberás o viño.
QUE sereas sen voz a vela embaten.
QUE un sumario de xerfa polos cons."
Así falou Penélope:
"Existe a maxia e pode ser de todos.
¿A que tanto novelo e tanta historia?

EU TAMÉN NAVEGAR.



7. A expedición do Pacífico, de Marilar Aleixandre (Xerais, 1994)

Esta novela de gran éxito de público e crítica (Premio da Crítica Galega, 1995) narra as aventuras dunha nena de 12 anos, Emilia, que se agacha como polisón nun buque que parte para unha exploración científica do Pacífico. Emilia será testemuña do espírito da época: das novas ideas feministas, da discusión entre darwinismo e creacionismo, da paixón da viaxe mariña.



8. Veu visitarme o mar, de Rosa Aneiros (Xerais, 2004)

As mareas negras que asolaron as ribeiras do país nas últimas décadas tiveron poucas correspondencias na literatura contemporánea. Un dos escasos exemplos é esta novela de Rosa Aneiros, na que as lembranzas dunha bióloga, Alba, entrecrúzanse coas catástrofes do Mar Exeo e o Prestige.


9. Os ausentes de Casteltón, de Jacobo Barros (Sotelo Blanco, 2005)

Unha novela ben atípica, na que o biólogo Jacobo Barros ficcionou os traballos e a vida nun pesqueiro do Gran Sol. Unha historia tan presente na Galicia contemporánea como ausente das nosas letras. Barros partiu na súa novela da súa experiencia como tripulante en numerosas mareas, narrando os feitos de primeira man e cunha ollada fresca e sorprendente. Non chegou a plasmar máis historias do mar: con só 31 anos morreu nas costas de Papúa - Nova Guinea, mentres facía submarinismo.




10. O retorno dos homes mariños, de Xurxo Souto (Xerais, 1999 e 2020)

En febreiro deste ano reeditouse esta novela, primeira vez publicada en 1999, coa que Xurxo Souto elaborou unha nova narrativa do mar, para un novo público xa non vinculado directamente á cultura da pesca tradicional. Mesturando mitos, crónicas históricas, a memoria recente da cidade da Coruña, Souto construiu un artefacto que é ao tempo un paradigma da súa visión da Coruña, de Galicia e dun universo literario ben propio.



11. Poemar o mar, de Antonio García Teijeiro (Xerais, 2016)

Con este libro, Antonio García Teijeiro gañou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2017. O libro é parte dunha triloxía de poemas para nenos nos que o mar é a principal voz, un mar "que ronca, que molla con poemas, que ten trenzas, que anda murcho, que chora por dentro e cala por fóra".


12. A taberna do mascato negro, de X. H. Rivadulla Corcón (Morgante, 2020)

Se hai que falar dun escritor contemporáneo que dedica a maior parte do seu esforzo literario ao mar, ese é Xosé Henrique Rivadulla Corcón. No seu último libro, de a cabalo entre os relatos e a novela, acode ao vello tema dunha taberna á que chegan xentes moi diversas para trazar unha historia de a cabalo entre as lendas clásicas do mar e a etnografía mariñeira do século XX.