'Longa noite' de Eloy Enciso encara a estrea en salas aumentando palmarés

O filme recibe en Lanzarote unha Mención Especial do xurado xuvenil canario

A unhas horas da súa estrea mañá, día 5, en salas comerciais, a longametraxe Longa noite do lugués Eloy Enciso ven de acadar un novo galardón para o seu xa amplo palmarés cunha Mención Especial do xurado novo na Muestra de Cine de Lanzarote. Tras un gran percorrido en festivais que inclúe algúns de primeiro nivel como Locarno (Mellor Dirección para a Crítica Independente), Sevilla, Toronto, Nova York ou Mar del Plata (Mención Especial do Xurado), a película chega mañá ás pantallas de todo o país da man da distribuidora NUMAX. A sala compostelá desta empresa acollerá mañá ás 19:45 a presentación seguida dun coloquio con Eloy Enciso e a equipa do filme. Ata o vindeiro xoves, 12 de decembro, cada día unha das proxeccións irá acompañada dunha presentación a cargo dalgún dos membros do equipo de produción ou artístico ou de intelectuais e investigadores como Suso de Toro, Dolores Vilavedra e Margarita Ledo que ofrecerán diferentes achegas e perspectivas sobre o filme. O filme tamén se poderá ver nos cines Yelmo e Cantones de A Coruña, a sala Zumzeig Cinema de Barcelona, o Círculo de Bellas Artes de Madrid e os Multicines Monopol de Las Palmas A película de Eloy Enciso narra unha historia que nos traslada aos tempos da posguerra a partir de textos de Max Aub, Luís Seoane ou Alfonso Sastre. Durante a posguerra española, Anxo regresa ao seu pobo no interior de Galicia. Alí crúzase con outros personaxes, gañadores e vencidos dunha España dividida: unha viúva que non quere recordar, un comerciante que emigra, un prisioneiro republicano que describe o seu calvario. A entrega dunha carta obriga a Anxo a cruzar a fronteira e adentrarse na longa noite franquista. As pantasmas que todos crían esquecidas invaden o presente.