As artes escénicas son as beneficiarias exclusivas da cuarta e última quenda de adxudicacións de axudas á distribución da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para este ano. A nova adxudicación agora publicada por valor de 34.502,37 euros supón o esgotamento do orzamento total para este 2019 que era de 460.000 euros a repartir inicialmente a partes iguais entre as artes escénicas e a música. Malia esa condición inicial, Agadic tivo que facer unha modificación da distribución do crédito orzamentario, publicada no DOG de 17 de outubro, xustificando un aumento do montante dedicado ás artes escénicas ante a ausencia de solicitudes dabondo na modalidade de música para esgotar a súa parte, mentres que na de artes escénicas quedaban solicitudes presentadas en prazo sen cubrir e susceptibles de ser subvencionadas de acordo coas bases reguladoras e co obxectivo de optimizar os recursos dispoñibles. Esta cuarta quenda comprende esa modificación apoiando a distribución de proxectos escénicos tanto dentro de Galicia como na súa asistencia a festivais e feras no resto de España ou no estranxeiro apoiando a presenza de espectáculos en Cuba, Colombia ou Portugal. CompañÃas como Chévere teatro, Ibuprofeno, Galitoons, Sarabela ou Berrobamabam entre outras vense beneficiadas nesta adxudicación.