Realidade aumentada para achegarse á colección de arte da Fundación Jove

A aplicación permite unha interacción en profundidade coas obras

A aplicación permite unha interacción en profundidade coas obras
"Labrega con neno" Alfonso R. Castelao, 1914. Fondos da Colección Fundación María José Jove
A colección de arte que alberga a Fundación María José Jove na súa sede en Coruña, dispón xa dunha aplicación propia para dispositivos móbiles que permite aos visitantes interactuar con 75 obras dos séculos XIX, XX e XXI, converténdose, segundo eles, na máis completa de España. A aplicación de realidade aumentada deseñada pola startup Xoia Software Development busca mellorar a accesibilidade permitindo o acceso a contido multimedia ao que non sería posible aproximarse a través dunha infraestrutura física tradicional. Enfocando o teléfono ou tableta cara unha das obras, a APP a recoñecerá e permitirá interactuar con ela a través de puntos de información en cada peza, ampliar trazos de pincelada, técnicas, elementos curiosos ou anecdóticos da obra, etc. A aplicación, que inclúe a práctica totalidade das obras expostas, incluídas esculturas, permite tamén planificar a visita á colección de xeito libre ou guiado, mediante seis rutas diferentes e ofrece a posibilidade de ampliar información desde casa, incluíndo funcionalidades como as de descubrir detalles formais ou peculiaridades históricas das obras, así como o acceso a unha explicación personalizada dos artistas. A colección da Fundación María José Jove iníciase a mediados da década dos noventa coa vontade de reunir unha selección de obras de arte galego que, posteriormente, se irá ampliando ata formar un abano de figuras e movementos artísticos nacionais e internacionais dos séculos XIX ao XXI.