A quinta edición do festival audiovisual de formatos curtos Curtas Armadiña de Poio, quenta xa motores para dar comezo o vindeiro día 11 de novembro. O certame organizado desde a Asociación Cultural Deportiva e Medioambiental Armadiña levou a cabo este ano unha modificación nas súas bases que o levan a ser actualmente a única cita audiovisual centrada nas producións galegas en exclusiva. Para seren aceptadas como curtametraxes galegas a organización define tres posibles criterios, un relacionado coa orixe galega dos realizadores ou a localización da empresa produtora na nosa terra, outro coa escolla lingüística do galego e outro coa localización en terras da nosa comunidade. Vinte e unha curtametraxes optarán a galardón na sección oficial de curtametraxes e dez na sección de videoclips este ano. O que xa se coñece é destinataria do premio Áncora de honra desta quinta edición, que será a actriz e directora viguesa Sonia Méndez, directora á súa vez do certame Carballo Interplay. O luns 11 darán comezo os obradoiros que forman parte do programa deste ano e que se prolongarán ata o mércores, o xoves 14 será un día dedicado ás crianzas nas actividades e xa o venres comezarán as proxeccións no Fogar Armadiña de Combarro. O domingo terá lugar a gala final coa entrega dos premios no Centro Cultural Illa Couto de Raxó.