A Asociación Galega de Produtoras Independentes, Agapi, ven de renovar por unanimidade a súa Xunta Directiva por un período de dous anos, tal e como establecen os Estatutos. Felipe Lage Coro, de Zeitun Films, será o novo presidente da Asociación neste período, ao que acompañará como vicepresidente, X.Lois Ledo de Nós Produtora Cinematográfica Galega. O cargo de secretaria seguirá en mans de Luisa Romeo de Frida Films e a tesourería pasa a incorporar a Andrea Vázquez de Miramemira. Continúan como vogais Ignacio Vilar de Vía Láctea Filmes, J.Antonio Velo de Ástrágalo Studio e Manolo López de Tex45. Incorpóranse ao equipo Dolores Ben de Cinemar Films e Daniel Froiz de Matriuska. A nova Xunta Directiva asume o cargo con ilusión e compromiso de traballo a prol do audiovisual galego como se leva facendo desde a constitución de Agapi no ano 1994 e fai un chamamento a todas as produtoras independentes a unirse á asociación. A próxima actividade de Agapi, en colaboración coa Deputación da Coruña, será a xornada A PRODUCIÓN AUDIOVISUAL A DEBATE que terá lugar o vindeiro xoves 21 de novembro no Museo das Peregrinacións e de Santiago, situado na Praza das Praterías (Santiago de Compostela) na que se tratarán temas como a distribución ou o papel das administracións nas axudas á produción.