A Xunta convoca axudas para as galerías de arte asistiren a feiras

Esta liña de apoios conta cun orzamento de 30.000 euros

O Diario Oficial de Galicia deste 2 de outubro recolle a convocatoria das subvencións ás galerías de arte para a participación en feiras e mercados do sector fóra do país. Esta convocatoria, anunciada na presentación da Estratexia da Cultura Galega, distribuirá un total 30.000 euros entre as entidades deste tipo, con axudas máximas de 2.000 euros para feiras que se celebren no marco do Estatal e ata 4.000 para participar en eventos internacionais. O prazo para se presentar a estas subvencións está aberto durante un mes.

As axudas cobren gastos de desprazamento, transporte, aloxamento, mantemento "así como os dereitos ou cotas de asistencia e alugueiro de espazos de exhibición" para un máximo de dúas persoas por solicitude. No pasado mes de xuño, a plataforma A Colectiva denunciara a desaparición do apoio ás galerías de arte na convocatoria de subvencións á distribución que fai anualmente a Axencia Galega das Industrias Culturais.