Unha sentida peza asinada por Ramón Loureiro informaba hoxe do xornal La Voz de Galicia na edición local d'A Coruña do falecemento do poeta e xornalista Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932-2019). Álvarez Torneiro traballou durante moitos anos no eido do xornalismo vencellado ao diario La Voz de Galicia. A súa traxectoria como poeta inclúe os títulos Rigorosamente humano (1995, Premio Esquío); Luz de facer memoria (1999, Premio González Garcés e Premio da Crítica); Campo segado (2001); Epicentro (2003); Setembro Stradivarius (2004); Parábola do incrédulo (2006) e Os ángulos da brasa publicado en 2012 na colección Tambo de Factoria K polo que acadou o Premio Nacional de Poesía que concedeu o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Na súa nota autobiográfica escrita para a Biblioteca Virtual Galega da UDC, Álvarez Torneiro dicía "Debo afirmar que creo no poder da palabra, nas potencias da beleza." Manuel Älvarez Torneiro Comezou moi novo a escribir poesía, en castelán ao principio como lingua habitual do seu entorno e familiar e tamén, segundo el recoñece nesa autobiografía, porque "a cultura por aqueles anos da infamia, da longa posguerra que tamén perdimos, era imposta na lingua de Cervantes". O uso do galego para a súa expresión habitual chegaría máis tarde. O poeta deixaba escrito da súa obra nesa nota da BVG : "Escribo contra o mundo e a favor da Vida. Como poeta, creo na utopía". O seu túmulo mortuorio está no Tanatorio Servisa de A Coruña e ten prevista incineración para mañá, xoves 10 de outubro.