Outono Códax presenta o seu cartel máis "branco" e seis actuacións inéditas en Galicia

A novena edición da cita coa música americana comezará o 15 de outubro

A novena edición da cita coa música americana comezará o 15 de outubro
María Garrido, de Bodegas Martín Códax, rodeada por Martín Calviño e Javier Freire de Raíña Producións. Foto: Outono Códax Festival
A novena edición do Outono Códax Festival de Santiago deu a coñecer hoxe o seu programa que nesta ocasión dará comezó o 15 de outubro e finalizará o 1 de decembro. Cinco xornadas diferentes, algunha con máis dunha convocatoria, para dar un paseo por un variado menú de ofertas rhythm&blues, soul e rockabilly. As estadounidenses Kim Lenz (19 de outubro), recoñecida mundialmente como a raíña do rockabilly, e Nikki Lane (1 de decembro), a nova dama da denominada música americana, serán as encargadas de abrir e pechar, respectivamente, os concertos grandes do Outono Códax Festival 2019. O outro do grandes nomes é o do bluesman The Reverend Shawn Amos (9 de novembro). Dada a ausencia de músicos de raza negra a excepción de Shawn Amos, o cartel desta novena edición poida que sexa o máis "branco" da historia do festival de música negra e tal vez o máis orientado cara o rock dos anos 50 e o rockabilly, pero non lle falta representación de ningunha das tonalidades da música americana que pretende traer a Galicia cada ano con representantes complicados de ver ou, como este ano, inéditos en terras galegas. Ese é o caso de todos os artistas deste 2019 agás a representación da escena galega, que sempre atopa tamén oco no Outono Códax. Será unha destas formacións da nosa terra, Helen & Shana, a que abrirá o calendario o martes 15 de outubro incorporando ademais ao café restaurante Flamingo como novo espazo Outono Códax. A súa será unha das citas de acceso de balde do festival xunto co concerto que o americano Andrew Combs (Dallas, 1986) dará o 29 de novembro no Riquela Club. Para as tres citas duplas que haberá na Sala Capitol xa están á venda entradas e abono. Nelas xunto aos cabezas de cartel mencionados.estarán a banda franco belga de swing rock The Rhum Runners (19 de outubro); os barceloneses Los Torontos (9 de novembro) co seu surf rock anos 50 . Na xornada de peche, o 1 de decembro, completarán o programa os galegos The Fabulous Resaca Brothers que quentarán a Sala Capitol co seu blues eléctrico.

Sesións out e charlas
Como vén sendo habitual o Outono Códax completará a súa proposta musical con distintas actividades paralelas e abertas a público en xeral, polo que nesta novena edición inclúe na súa programación un miniciclo de charlas-coloquio a mediodía que se abrirá o sábado, 19 de outubro cunha mesa denominada Soul e rockabilly: da cruzada dos anos 50 ao rexurdir do século XXI, con tres especialistas nacionais do xornalismo musical: Toni Castarnado (MondoSonoro, Ruta 66, El País, Cadena Ser), Alfonso Cardenal (director de "Sofá Sonoro", Cadena Ser) e Fernando Navarro (responsable de Música no diario El País). O debate pecharase cunha actuación de Midnight Boozers, nova banda residente do Riquela, con repertorio de rock'n'roll e soul clásicos. O sábado 9 de novembro (11,30 h, tamén no Riquela) celebrarase unha segunda charla-coloquio, neste caso co músico e historiador compostelán Alfonso Espiño, quen repasará co público asistente a historia da música moderna en Compostela con base na súa universitaria Beat, pop e rock en Santiago de Compostela (1954-1978). Ao remate da charla, o propio Espiño ofrecerá tamén en sesión vermú outra das out do festival, na que interpretará algúns temas nos que, como é habitual no músico galego, amosara o seu gusto polo pop anglosaxón clásico e atemporal.