'As xentes veñen aquí a vivir unha historia máxica'

Entrevistamos a Suso Martínez, o máis camaleónico dos guías, que se pon na pel de personaxes reais e ficticias da historia e mitoloxía para facer unha viaxe polo tempo e pola maxia

Entrevistamos a Suso Martínez, o máis camaleónico dos guías, que se pon na pel de personaxes reais e ficticias da historia e mitoloxía para facer unha viaxe polo tempo e pola maxia
Suso Marínez caracterizado como Mil esopaine anta a Torre de Hércules nas visitas teatralizadas de Turimos Coruña Foto: S. Martínez
Jesús "Suso" Martínez é guía turístico desde o Xacobeo do 99 cando respondeu á demanda existinte e, sendo historiador, comezou a traballar nun mercado de gran tirón co derradeiro ano xubilar do pasado século. Pero desde fai dez anos Suso moitas veces deixa na casa o paraugas de cores de guía de grupos e saca do armario diferentes ropaxes que o transforman nunhas personaxes de outro tempo que chegan para contar unha historia da que son parte. As súas encarnacións de personaxes aparecen por toda Galicia, do Norte ao Sur, e representan todas as etapas da nosa Historia pero tamén saen das néboas do máxico e do mitolóxico que nos rodean de xeito cotián. Estas encarnacións son denominadas por Suso coa verba anglosaxona re-enactments, unha sorte de "re-proclamacións" que chegan como ecos do pasado para acompañar aos turistas nunha viaxe no tempo. Unha das claves do seu traballo é a paixón coa que el mesmo se"mergulla nas múltiples encarnacións que polas que vai pasando dun xeito case camaleónico.

¿Como chegas a isto das visitas teatralizadas?
Eu son historiador de vocación, teño a miña preparación e máis a miña formación é como historiador e cheguei ao tema do turismo como seguramente un xeito normal de chegar en Galicia que é a través do Xacobeo, era o Xacobeo do 99 eu estaba rematando a carreira, e foi un Xacobeo tremendo había moita demanda de todo, no eido do turismo e empecei como guía turístico. Logo rematei como rematei. Agora máis ou menos dedícome sobre todo a visitas teatralizadas, non me gusta dicilo moito así porque iso significa ser un actor que ten un guión, un escenario, aquí di isto, aquí di o outro... Eu non fago iso. Eu o que fago é como lle chaman os anglosaxóns re-enactment, porque eu vivín un tempo en Gran Bretaña e dalgún xeito importei o que vin alí, o que eles chaman así e que significa que non hai un guión senón o que fundamentalmente hai é que facer unha documentación a tope sobre unha personaxe e métome de xeito fanático na súa pel, de tal xeito que durante a hora e media que duran as visitas eu funciono como cremos documentalmente que funcionaría o personaxe. Unha especie de viaxe no tempo cun guía que é a personaxe histórica. Re-enactment é o que facemos aquí.

Suso Martínez como Casimiro Barcal na Casa da Troia
Suso Martínez como Casimiro Barcala na Casa da Troia
¿Como é o proceso de selección dunha personaxe e de creación da personaxe e do discurso?
Pois escollemos persoeiros que nos servirían, meténdome na pel do turista: ¿Quen me gustaría que me explicara a Compostela barroca? Pois escollemos unha personaxe e me meto a tope nela.
Documentámonos moitísimo tanto desde o punto de vista material ou inmaterial. Porque en Galicia temos moito tema material , que é a Historiografía, o que está publicado. Pero tamén está a outra parte, a inmaterial e en Galicia temos incluso máis desa que é todo o aparato de lendas e da mitoloxía que, obviamente facemos tamén uso porque non hai que perder a perspectiva que é un produto cultural, son visitas históricas que tratan de reflectir como foron as cousas pero tamén facémolo moi atractivo utilizando o aparato mitolóxico que está ao noso dispor e que moitas veces xa non é inmaterial, senón que cando se publica xa é material. Hoxe o último escritor ao que se dedican as Letras Galegas, Antón fraguas, foi un gran recolledor deste material. Facemos uso de todo isto e logo está o tema da paixón. Eu penso que o tema diferencial do que fago é a paixón: eu son un fanático!. Eu recoñezo que cando me meto no tinglado vamos a tope. Entón durante unha hora e media, con información e paixón e dotes actorais, vamos a tope e saen estas viaxes que facemos pola Historia.


¿Cantas personaxes tes agora no teu catálogo?
Buffff... Non o sei,(RI) ¡Bastantes!. Fíxate, de Norte a Sur, empezamos en Ribadeo. Alí temos feito do "Viejo Pancho", Xosé María Alonso de Trelles, representando ao indiacnos habaneros de Galicia; en Viveiro, Xoán Ares Vizoso , procurador da vila e o emperador Carlos V na feira renacentista; en Coruña facemos todas as visitas guiadas de Turismo Coruña que xa leva case dez anos apostando por este tipo de visitas, e poderiamos dicir que foron os pioneiros en Galicia para diferenciar as visitas que se ofrecían ás turistas e hai nove personaxes agora mesmo: na Torre de Hércules, metémonos na pel do fillo de Breogán, Mil Espain; facemos de Manuel María Puga Parga "Picadillo", alcalde mítico da cidade; facemos do peregrino inglés William Wey para explicar o Camiño Inglés e o patrimonio Xacobeo da Coruña; fago de artilleiro Antonio de Hevia no Monte de San Pedro; o xeneral británico Ser John Moore; para falar de Picasso resucitamos a Eusebio da Guarda, pro home coruñés que trae á familia Picasso...
Suso Martínez como Nicolas de Neyra no Hostal dos Reis Católicos
Suso Martínez como Nicolás de Neyra no Hostal dos Reis Católicos

E logo a estrela, eu métome en todos os persoeiros pero eu recoñezo que por Fiz de Cotovelo hai un especial cariño. Fiz de Cotovelo é a anima en pena da novela O bosque animado de Wenceslao Fernández Flórez, i é o guía da vista guiada con máis demanda de España. Unha visita guiada cultural nosa: literatura, atlántico o cemiterio, a morte...
E logo en Compostela agora estamos no Hostal dos Reis Católicos dando vida ao administrador Nicolás de Neyra todos os sábados; na casa da Troia recuperamos e reconstruímos a Compostela universitaria decimonónica que nos dá para falar de moitísimas cousas porque Santiago é unha cidade medieval, pero máis que medieval o casco histórico é decimonónico, e entón a Casa da Troia é fantástica como tema. Aí fago do estudante Casimiro Barcala... E podo seguir, en Ponteledesma recreamos a batalla contra os franceses, en Vigo tamén facemos outros... máis de vinte!!

¿Usas tanto personaxes reais como ficticias?
Case todos son reais. Os ficticios son personaxes literarios de autores universais. Por exemplo fago de Marqués de Brandomín, nas visitas máxicas en Santiago, que é unha personaxe de Don Ramón María del Valle-Inclán que é marabillosa; o fillo de Breogan, Fiz de Cotovelo... Trátase de personaxes de obras moi importantes ou mitolóxicos.

¿Quen son mellores para presentar a Historia? ¿As personaxes protagonistas ou os secundarios?
¡Sempre son os secundarios¡ !Sempre!! Ten en conta que son moito máis coñecidos os xograres que os trobadores. Igual que no cine e en todo, os secundarios son os que expanden a historia dos protagonistas. No caso do fillo de Breogán hai unha razón fundamental. A temática de Breogán, que aparece no noso himno como "fogar de Breogán" e o mesmo nome ten que ver moito con esa descuberta da nosa mitoloxía que se fai a finais do século XIX e principios do XX. En cambio o fillo é Mil Espaine que é máis internacional. Nas illas británicas se dis "I am celtic" non te entenden, o identifican cos seguidores do equipo dos Celtics de Glasgow, alí aos celtas chámanlle Milesians, (Milesios) que significa descendentes de Mil Espaine que é o fillo de Breogán, co que fago as visitas na Torre de Hércules e iso permíteme desde o minuto 1 que os irlandeses e a xente deses países xa saiban de que estamos a falar, se digo Breogán é case o mesmo pero Mil Espaine é máis potente nese sentido.
Suso Martínez como o Cabo Hevia nas baterias do Monte de San Pedro da Coruña
Suso Martínez como o Cabo Hevia nas baterias do Monte de San pedro da Coruña

Hai algunhas figuras que para nós, en Galicia son familiares pero para os de fora requiren máis explicación. ¿Como as reciben os foráneos?
Pois dun xeito marabilloso, porque a xente ven a Galicia con déficit de información e iso é fantástico para os que nos encanta dar moita información. A xente que ven a Galicia, sen querer xeneralizar, a que lles conten unha historia que os fascine. Eles veñen ao país da maxia. Se eu veño aquí a Galicia non quero que me contes un rollo de sol ou praias nin nada diso, quero que me metas nunha historia de feitizos, de maxia de por que somos diferentes, por que nos chaman a Iberia atlántica, por que temos esas conexións con Irlanda.. Por que Compostela é unha cidade barroca, non só material senón inmaterial... Por que a nosa sensibilidade tan diferente, por que un pobo tan relixioso e tan católico é ao mesmo tempo tan pre-cristián, por que as meigas, por que as bruxas non son meigas... As xentes veñen aquí a vivir unha historia máxica, e iso é o que eu levo explotando desde fai máis de dez anos... e vainos moi ben!.

"A XENTE QUE VEN A GALICIA VEN A QUE LLES CONTEN UNHA HISTORIA QUE OS FASCINE. ELES VEÑEN AO PAÍS DA MAXIA."


¿Cal é o valor engadido de coñecer a Historia da man dunha personaxe reencarnada por ti respecto a facelo seguindo a un guía convencional?
É diferente, É unha viaxe no tempo. Unha visita convencional pode ser unha viaxe no tempo se o guía ten moito talento, pero o que facemos nós é que case te obrigo. É como se agarrara polo pescozo á xente e a metese nunha espiral. Aínda que non queiras obrígote a que te enchufes de xeito moi vehemente. É didáctica, como información é unha visita guiada en toda regra pero con eses elemento nos que é visible a maxia. É unha viaxe no tempo e facer unha viaxe no tempo é das maiores marabillas que querería facer alguén a quen lle guste un pouco isto. Sería como meterte nunha caixa e hoxe imos a Dombate a ver como enterraban estas xentes... O que fago eu é isto, son un piloto dunha nave espacial e meto aos turistas na miña nave e durante unha hora e media viaxamos a outro tempo. O tema diferencial é a maxia e a fascinación da Historia. A Historia pode ser moi fascinante e ser a maior aventura de todas.

Suso Martínez como o xeneral Sir John Moore
Suso Martínez como o xeneral Sir John Moore
¿Ao teu parecer estamos aproveitando ben en Galicia as nosas posibilidades en canto a Historia e patrimonio para ofrecer percorridos e visitas de interese?
Absolutamente non. Somos un país absolutamente virxe nisto. Eu son como o Bautista, eu predico no deserto pero iso é fantástico para min e eu véxoo como unha oportunidade. Iso significa que está todo por facer e hai futuro.
Galicia é un escenario extraordinario, penso que é un dos países do mundo con máis patrimonio vivo e escenográfico. Cunhas poucas cidade monumentais, sobre todo vilas monumentais, un patrimonio a nivel de castelos e rural absolutamente espectacular. O maior megalitismo da Europa occidental... O tema do mundo do ferro...
Agora estase vivindo un momento algo complexo, A xente viaxa máis que nunca e os lugares masifícanse máis do debido e iso provoca incluso sensacións de rexeitamento nalgúns lugares, cidades que están hiper masificadas, etc... O turismo pouco a pouco irase regulando dunha forma natural e entón, creo eu, que aqueles destinos que teñan posibilidade de ofrecer moito turismo cultural son os que teñen máis futuro, porque as cousas que son sostibles teñen futuro, as que non quéimanse e se acabou, pero o que é sustentable ten futuro, ou queimase a máis longo prazo. Nese sentido en Galicia temos moito futuro e o que fago eu ten moito percorrido, non está explotado e é unha cousa marabillosa, porque eu ando por aquí como un xograr que aspira a ser trobador e hai moito que facer e moitas historias que contar. Eu sigo con moitas historias na cabeza que ao mellor non saen este ano pero sairán dentro de dous ou de tres, pero eu teño moitísimas na cabeza que contar.

¿Algunha que poidas avanzarnos?
Acércase o ano xacobeo 2021 e estou pensando facer algo grandioso, monumental en Compostelá. Á altura da historia da cidade. A historia compostelá de Xelmirez, cando se escribiu era unha especie de recompilatorio de historias para que Compostela reunise méritos e estivese á mesma altura que Roma e Xerusalén, nese tempo do século XII. Pois igual poderiamos facer algo de re-enactment polos rueiros de Compostela de cara a 2021 e que tamén sexa unha especie de Historia Compostelá pero para vivir unha aventura.
Tamén poido adiantar que xa que Carballo Calero será homenaxeado nas Letras Galegas pois faremos tamén algo potente que teña que ver co galego internacional, sobre todo co noso patrimonio marabilloso da lírica medieval, case con total seguridade.