Cantos na Maré multiplícase na súa XV edición

O Festival da Ilusofonía achegará vinte concertos e unha ducia de actividades a Pontevedra entre o 13 e o 15 de setembro

Con moitos máis concertos e a ampliar o seu ámbito de acción á narración oral ou o audiovisual, chega a Pontevedra a décimo quinta edición do Festival da Ilusofonía. Coa caboverdiana Mayra Andrade como cabeza de cartel, no programa destacan as propostas Enredadas, que reúne a Martirio, Uxía, Carmen Pares e Ugia Pedreira, o dúo de Maria João e Pablo Lapidusas e mais a actuación da catalá Clara Peya. Para alén destas actuacións, previstas para o Pazo da Cultura e o Teatro Principal, o evento amplía a súa presenza na cidade con actuacións na Praza da Pedreira orientadas para un público máis novo. Bia Ferreira (Brasil), Vivi Pozzebón (Argentina), Brasil Dub, Napalma (Brasil/Mozambique), Assa Matusse (Mozambique), Laura Lamontagne (Galicia), DJ Mil e Mohammed Yahya (Mozambique), o Coro da Marinha, As Cantigas de Elena ou Zeltia Irevire, ocuparán este recinto

A maiores, novas propostas de narración oral chegarán ao Museo Provincial da man de Vero Rilo e Faia Díaz. O espazo acollerá tamén un recital de Magín Blanco, unha visita guiada pola colección do centro con concerto de piano de Brais González, a performance Melancoholemia de Antón Reixa e dous filmes no ciclo Cinemaré, ás que se suma unha musical pola cidade da man de Xurxo Souto. Presentacións de novidades musicais na libraría Paz completan o programa do evento.