O XVIº Curtocircuíto acollerá unha proxección especial de ‘O que arde’ de Oliver Laxe

O festival contará coa presenza do cineasta e os protagonistas

Cartel da edición de est ano do Curtocircuíto
Cartel da edición de est ano do Curtocircuíto
A película O que arde, o último filme de Oliver Laxe, producido pola galega Miramemira, 4 a 4 Productions, Tarantula e Kowalski Films, segue a acender titulares neste mes de agosto. O Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, Curtocircuíto, que se celebrará entre os próximos 28 de setembro e 6 de outubro, acollerá na súa décimo sexta edición unha preestrea do filme. Esta sesión especial terá lugar o martes 1 de outubro ás 22:30 h no Teatro Principal de Compostela e contará coa presenza do cineasta e de Amador Arias e Benedicta Sánchez, os protagonistas do filme. O pasado mes de maio, O que arde fíxose co Premio do Xurado da Sección Oficial Un Certain Regard de Cannes e o Premio á Mellor Creación Sonora da sección. O filme, que ven de converterse nun dos catro españois seleccionados nos Premios do Cinema Europeo, terá a súa estrea estatal no festival de San Sebastián no mes de setembro. Ademais nos próximos meses competirá nalgúns dos festivais internacionais máis prestixiosos como Toronto ou Nova York antes de chegar ás salas comerciais o próximo 11 de outubro da man de NUMAX Distribución.

Curtocircuíto continuará nesta edición coa súa aposta firme a prol do audiovisual galego. Nas próximas semanas faranse públicos os contidos de seccións xa habituais como Planeta GZ, sección competitiva que reflicte ano a ano riqueza e variedade do cinema galego actual; Terra, dedicada a artistas de Galicia cunha obra consistente e persoal; Supernova, na que se amosan os primeiros traballos de creadores e creadoras que non teñen fácil acceso aos espazos de difusión; e unha prometedora sesión especial en colaboración co Cineclube de Compostela que a organización ten prevista para esta edición.