Luís Zahera Premio Cinema Galego do FIC Bueu

O actor recibirá no certame este recoñecemento honorífico pola súa traxectoria

O actor Luis Zahera, recente premio Goya, recibirá o Premio Cinema Galego no 12º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que se desenvolverá entre o 6 e o 14 de setembro. Ademais, o público do FICBUEU 2019 poderá coñecer en profundidade a intensa traxectoria do actor compostelán no Encontro con Luis Zahera que se desenvolverá o sábado día 7 no Centro Social do Mar, a partir das 18 horas. Alí farase a proxección de tres traballos curtos: a curtametraxe O matachín, dirixida por Jorge Coira en 1996 e protagonizada por uns novísimos Zahera e Tosar, xa considerada un clásico do audiovisual galego; Marina, de Álex Montoya, (2010) e un capítulo de Entre pipas, a webserie que coprotagoniza canda Xúlio Abonjo. O acceso ao Encontro con Luis Zahera será de balde, pero debido ao aforo limitado da sala é preciso retirar no mesmo día un convite no despacho de billetes do Centro Social do Mar, que estará aberto de 10 a 12:30 horas pola mañá e a partir das 17 horas na tarde.

O director Andrés Goteira e os intérpretes María Vázquez e Xúlio Abonjo integran o xurado nacional do FICBUEU 2019, encargado de outorgar os premios ás mellores curtas galega e española nesta duodécima edición do certame. Polo primeiro compiten as seis películas da Sección Galicia R, mentres que ao segundo concorren tanto as catro obras da Sección España como os outros dous filmes estatais presentes este ano, un correspondente á Sección Internacional e outro á Experimental.