Corenta concellos mellorarán os seus equipamentos culturais co apoio da Xunta

A Consellaría de Cultura distribuíu 500.000 euros nesta liña de axudas

O Diario Oficial de Galicia publicaba esta semana a resolución das axudas a concellos para adquisición de equipamento e na mellora das instalacións destinadas á programación de actividades culturais. A Consellaría de Cultura distribuíu nesta liña de apoio preto de 500.000 euros que se reparten entre 40 concellos. Na selección de beneficiarios priorizáronse "iniciativas das zonas menos poboadas para contribuír ao reequilibrio territorial".

En concreto, a provincia de Lugo recibirá no marco destas subvencións un total de 140.000 euros distribuídos nos concellos de Riotorto, Monforte de Lemos, Ribeira de Piquín, Ribas de Sil, Burela, Xermade, Chantada, Bóveda, Guntín, Pol, Valadouro e O Vicedo. Na Coruña Bergondo, Touro, Boqueixón, Dodro, Lousame, Mañón, Porto do Son, Padrón, Pobra do Caramiñal, Narón, Miño, Malpica de Bergantiños e Oza-Cesuras repartirán 110.000 euros. A provincia de Ourense suma, pola súa banda, outros 110.000 euros entre Muíños, Parada de Sil, Xinzo de Limia, Barco de Valdeorras, Cortegada, Mancomunidade Terra de Celanova, Monterrei e Viana do Bolo. Finalmente, van a Pontevedra 90.000 euros a repartir entre Meis, O Grove, Cerdedo-Cotobade, Oia, Ribadumia, Sanxenxo e Cuntis.