A fin do matriarcado

Os estereotipos sobre a sociedade tradicional seguen a condicionar a visión sobre muller galega hoxe

Os estereotipos sobre a sociedade tradicional seguen a condicionar a visión sobre muller galega hoxe
O mito do matriarcado na sociedade tradicional galega e a idea dunha muller galega forte e con poder mantéñense no noso país desde hai anos. No entanto, estes estereotipos agochan unha realidade moito máis complexa e contribúen en grande medida á discriminación entre os sexos. A antropóloga Nieves Herrero abordou a necesidade de rematar con estes prexuízos no marco do encontro Mulleres e antropoloxía en Galicia do Consello da Cultura Galega.

O Consello da Cultura Galega celebraba este 12 de xuño o encontro Mulleres de antropoloxía en Galicia, unha cita que pretendía "dar a coñecer e pór en valor diferentes achegas que, desde a antropoloxía e/ou a etnografía, contribuíron ao estudo e análise da realidade das mulleres en Galicia no presente e tamén no pasado", segundo explica a presentación da xornada "quérese incidir tanto nas contribucións de carácter teórico como na aplicación da antropoloxía e dos métodos de traballo relacionados con ela". Dentro da mesma, atendeuse aos "retratos e relatos, ás veces contraditorios, que diferentes estudosos e estudosas produciron, de xeito concreto ou transversal, sobre "a/s muller/es galega/as" ou as mulleres en Galicia". Neste contexto, o relatorio de apertura que realizou Nieves Herrero centrouse en abordar a cuestión de "A muller galega", construción e crítica dun estereotipo.

Os valores do estereotipo
A idea dunha muller forte, empoderada, que mesmo goberna na casa por riba do home fai parte do imaxinario da nosa sociedade. Na mesma liña, a idea de que houbo ou se mantén un matriarcado na Galicia tradicional preséntase como un mito en grande medida presente no seo da opinión pública. No entanto, ningún dos conceptos reflicte a realidade, e mesmo son instrumentos que contribúen á discriminación da muller. Segundo explica a antropóloga Nieves Herrero, "unha das atribucións características deste estereotipo é á idea dunha muller forte, con poder e autonomía, o que enlaza coa idea do matriarcado galego". Este estereotipo considera unha muller "que fai os traballos duros no campo, de quen depende a familia. E suponse que isto lle outorga unha grande autoridade dentro da casa". Canda a isto "hai fenómenos como a cantidade de fillos de nais solteiras estudados na Galicia Rural que se ven tamén como unha expresión desa autonomía e mesmo de iniciativa sexual". E aínda a idea "da muller que queda soa na casa cando o home emigra".

Un foco de estudo
O peso deste preconcepto mesmo atraeu ao noso país un bo feixe de profesionais con interese en investigar esta cuestión. E é que nas orixes do mito ten un certo peso o contraste con situacións da nosa contorna, en particular no campo das investigacións etnográficas. "Desde unha óptica feminista houbo investigadoras que viñeron estudar este fenómeno que se percibía como unha excepción á familia mediterránea, caracterizada pola idea da honra e da vergoña, onde as mulleres estaban moi controladas polos homes e representaban a virxindade, a castidade e a honra da casa. Entón apareceron unha serie de estudos feitos desde fóra que querían ver cales eran as causas reais de fenómenos deste tipo". A importancia deste mito "historicamente tivo un peso destacado", o que fai que "moitas antropólogas feministas explican que se teñen que enfrontar a esta pregunta. Teñen que abordar isto como unha cuestión do presente pero tamén do pasado".

Unha idea presente
Encol do xeito no que esta perspectiva sobre as mulleres se mantén na nosa sociedade, Herrero apunta a interpretación doutra antropóloga, Paz Moreno Feliú. "Ela fala deste estereotipo como unha configuración ideolóxica vagamente formulada. Algo que se nutre de moitísimas tradicións e non se acaba de dicir exactamente que é, se existe un verdadeiro poder nas mulleres". Fonte a este coñecemento difuso, contrapón a existencia de "estudos con traballo de campo ou análises de normas legais que abordan xeitos de medir ese poder", pero que, no entanto, non están abondo difundidos. "Trátase de analizar a cuestión de se as mulleres tiñan capacidade de herdar, de decidir sobre esta herdanza ou de ter iniciativas sobre o futuro da casa, que é ao final ter acceso aos recursos".

As bases da idea
Nas orixes destes estereotipos, "hai tradicións literarias, etnográficas e mesmo pictóricas", asegura Herrero. "Un pintor como Álvarez de Sotomayor", que traballou na primeira metade do século XX, "nos seus tipos folclóricos nútrese dunha ollada externa, unha perspectiva nostálxica e idealizadora das tradicións rurais feita desde as cidades". Coma el, "a tradición nacionalista con autores clásicos como Risco, ten esta visión da muller e asúmea como algo natural, mesmo como algo que ten a ver co noso propio xeito de ser. É algo que se artella coa idea da muller celta poderosa". Indo alén, advirte que este estereotipo da muller con forza e con poder "está directamente enmarcado nunha tradición identitaria, vese como un xeito de resaltar o propio de Galicia, coa idea da muller como orixe e vencello coa tradición. Dáse unha asociación simbólica na que a muller é quen mellor representa esa tradición". Deste xeito esta concepción "faise desde fóra pero tamén desde dentro. É unha visión que se transmite por moitísimas canles e vai impregnando fóra".

O poder do estereotipo
O éxito que esta perspectiva acadou na nosa sociedade ten a ver, para esta antropóloga, co propio poder que posúen os estereotipos. "É algo que tamén acontece co celtismo. Cómpre pensar por que os estereotipos teñen tanto poder. Son fórmulas moi sinxelas, que simplifican e esquematizan ao tempo que teñen algo que ver coa realidade, non son algo enteiramente falso. Deste xeito reflicten a realidade dun xeito moi simplificado, a deixar fóra moita complexidade, e isto dános sensación de satisfacción e proporciónanos un coñecemento esquemático e falso. Semella que cos estereotipos estamos a ver a realidade pero só contemplamos un anaco. E isto é importante para que se reproduzan tanto". Canda a isto, advirte, "está toda a carga emocional e afectiva que transmiten, xa que non deixar de ser tamén unha valorización. Por exemplo, na tradición nacionalista, na literatura e na pintura, hai unha transmisión emocional a respecto do estereotipo feminino, preséntase como un valor vinculado ás nosas raíces e orixes, a unha tradición que mesmo se vincula coa natureza. Esta carga ideolóxica, emocional e afectiva pódenos axudar a entender por que ten tanto éxito".

A refutación
O traballo da antropoloxía aparece para esta investigadora como imprescindible para combater os prexuízos vencellados a esta visión sobre a muller galega. "Os primeiros estudos da antropoloxía nos anos 80 afondan na realidade da casa galega. As investigadoras e investigadores achéganse ás persoas e observan a vida cotiá. Para alén do que din as persoas tamén se atende ao que fan , como é a xerarquía e a división social do traballo. E aí vese se hai unha valoración social diferentes para distintas tarefas. Marcial Gondar, por exemplo, amosa no seu Mulleres de mortos como na zona da costa, onde se falou moito da idea do matriarcado, as mulleres quedan nunha situación de dependencia moi forte do home a nivel emocional e social. Hai unha normativa social que pesa moito sobre elas no proceso de dó se fican viúvas e as deixa practicamente recluídas na casa". De xeito similar, "Lourdes Méndez analiza en Cousas de mulleres os códigos legais desde finais do século XIX e observa como o home tivo o poder de compra e venda mesmo sobre a herdanza da muller. Tamén analiza a vidá cotiá e apunta que, por máis que a muller ten unha presenza importante nos traballos agrícolas, en ningún caso hai un poder equivalente e moito menos unha superioridade da muller".

A revolta do estereotipo
No entanto, non todos os aspectos do estereotipo son negativos, xa que "ao tempo que enmascara unha realidade desigual e ao ocultala lexitima a desigualdade, vemos tamén que se pode facer unha interpretación en termos de positivos e servir tamén de recoñecemento a mulleres fortes". Lembra a ese respecto a iniciativa Mulleres Significativas de Camariñas que se desenvolveu no marco da política de xénero municipal "trátase dunha iniciativa que homenaxea persoas concretas e se xera unha dinámica de recoñecemento comunitario que as mulleres protagonistas poden vivir" e lembra que "o recoñecemento á muller debe ser situado. Fronte a isto, hai outras homenaxes que reproducen o estereotipo como poden ser as estatuas a mulleres que representan a tradición". Nunha liña similar pódense situar os murais de Joseba Muruzábal, na que se reflicten e se homenaxean, ao xeito de superpoderes, os traballos de mulleres concretas.

Monumentos de reforzo
Fronte a estas propostas, Herrero apunta a grande cantidade de monumentos públicos que manteñen o estereotipo, a retratar ideais de mulleres xenéricos. Esta tendencia, presente desde hai xa moitos anos, "mantense máis recentemente nas dinámicas de turistificación. Estas estatuas fanse un xeito de levar a tradición á rúa. Entón hai unha grande presenza da muller rural a representar a memoria de lugares que queren se facer destino turístico. Monumentos ás pementeiras, ás leiteiras ou ás mariñeiras", apunta. Canda a isto, "outras veces este tipo de monumentos xorde enmarcado nun feminismo institucional polo Día da Muller". O vencello entre muller e tradición fai que "estas imaxes tradicionais aparezan mesmo a homenaxear mulleres de hoxe". Noutros casos apunta "a tendencia a representar a muller como corpo. Por exemplo, en Narón hai un monumento no que se representa un corpo feminino só coas cadeiras, os peitos e o espazo do útero". Do mesmo xeito, abundan Representacións sobre a emigración que representan a muller que queda soa na casa mentres o home marcha. "Nisto hai parte da realidade pero tamén houbo moitas mulleres que emigraron cos seus homes ou mesmo soas. E esta simplificación oculta que elas tamén foron protagonistas, refórzase o estereotipo. Por que non amosamos tamén esoutro protagonismo das mulleres no canto da pasividade?" pergúntase esta antropóloga.

Engrandecer tamén é discriminar
Nas mesmas coordenadas sitúa a polémica campaña da Xunta "O máis grande de Galicia non se maltrata", no que se equiparaba as mulleres co patrimonio cultural do país. "É unha versión da tradición en termos de patrimonio cultural, soa máis moderno pero son as mesmas ideas, unha monumentalización da feminidade, na liña do discurso da excelencia que xa está analizado polo feminismo. Pódese discriminar minusvalorando pero tamén engrandecendo ou monumentalizando. Isto supón unha continuidade coa idea do matriarcado, a figura da muller forte enmascara os malos tratos, a precariedade no traballo doméstico ou a identificación da muller a papeis de nais, coidadoras ou limpadoras. Moitas veces é algo inconsciente e resulta moi difícil librarse disto". Tanto estas como outras propostas de homenaxe "presentan a muller vitimizada e a pasividade feminina fronte ao home. O que é un recoñecemento pódese ver como expresión dunha realidade e xerar un efecto moi negativo".

Mudanza de perspectiva
A incidir nas bases destes fenómenos, Herrero destaca que "algo que que non se acaba de asentar na sociedade é a idea de que a muller é unha construción ideolóxica. Dáse unha construción da feminidade que lexitima, por exemplo a violencia de xénero mediante o que Bourdieu chama violencia simbólica. O xeito de representar as mulleres leva despois a situalas en situacións de inferioridade. Entón compre pensar na influencias das ideas nas prácticas sociais", advirte. "Temos que pensar alén dunha feminidade estática ou natural e ver como está construído o ser muller e o ser home, detrás do estereotipo".

Álbum de mulleres
A coincidir con esta xornada o Álbum de Mulleres de Culturagalega.gal acaba de presentar un especial dedicado dedicado á construcción e crítica dos estereotipos sobre "A muller galega". "Dentro da liña do Álbum de visualizar a muller desde diferentes disciplinas e ámbitos faltaba a antropoloxía social", apunta Herrero. Deste xeito, o web achega unha compilación documental bibliografía, fotográfica e webgráfica con achegas da antropoloxía, da historia ou da etnografía no marco dos estudios de mulleres, de xénero ou feministas. Unha colección de "documentos de interese, rexistros sonoros e ligazóns web dan forma a un conxunto que vai desde 1880 ata 2019, e que permiten facer un percorrido polos camiños andados ata a actualidade desde diferentes áreas de coñecemento e perspectivas de análise", sinala a presentación do proxecto. Todo un repaso polo coñecemento arredor desta cuestión que facilita coñecer máis polo miúdo o que supoñen estes estereotipos e as diferentes refutacións que se desenvolven contra eles. Ademais, os vídeos da xornada Mulleres e antropoloxía en Galicia permiten ampliar a información sobre esta cuestión. Novas ferramentas para mudar unha perspectiva que aínda contribúe a enmascarar desigualdades, desequilibrios e discriminacións.




Matria: Deconstruír o mito desde o cinema





Unha das producións culturais que nos últimos anos tratou cunha maior proxección estes estereotipos foi sen dúbida o filme Matria. Premiado en prestixiosos festivais internacionais como o de Sundance, esta curtametraxe segue a figura de Ramona, alter ego de Francisca Iglesias, traballadora e amiga da familia do cineasta. Ao tempo reflexiona sobre o falso mito do matriarcado en Galicia a amosar a discriminación da que continúan a ser obxecto as mulleres no noso país.

"O filme nace polo achegamento á protagonista, Francisca Iglesias Bouzón, que era unha vella coñecida como veciña de Vilanova de Arousa xa antes de entrar a traballar na nosa casa. Logo entrou na nosa intimidade, e naceu a amizade. Entón a semente do filme é ela. Foi a raíz de comezar a considerar seriamente facer un filme arredor da súa historia real que comecei a indagar a cuestión do mito do matriarcado", explica o director.

O enfrontamento
Sen ter unha postura clara ao respecto, o feito de querer retratar unha figura feminina como a da protagonista levou ao director a se documentar e a tomar posición ante a idea do matriarcado en Galicia. "Eu non tiña persoalmente unha perspectiva clara sobre a cuestión. Quizais nalgún punto da miña vida, como na adolescencia si que deambulaba esa idea, e eu nunca as cuestionara. É o poder que teñen estes conceptos que aparecen como verdades case absolutas, que resultan moi difícil de cuestionar. Hai moitas cousas que damos por sentadas". Deste xeito, "na base do proxecto non estaba facer un filme sobre o mito do matriarcado pero foi a raíz de me comezar a documentar e de falar con xente que fun tirando do fío. Nese proceso houbo moitas cousas que me chamaron a atención por estaren agochadas, que non apareceran durante o meu proceso educativo. Por exemplo, esa idea de que isto é un mito que nós mesmo alimentamos a nivel galego pola tentativa de nos asociar a outra culturas nas que tamén se consideraron matriarcais, como a celta, a vasca ou a xermana, por nos afastar do vínculo centralista. Hai autores que apuntan que este concepto foi elaborado polos propios galegos como parte da construción dunha identidade rexional".

A investigación
Foi o encontro coa Antropoloxía o que lle permitiu en boa medida articular unha visión crítica con esta perspectiva estereotipada. "Houbo lecturas que me levaron a me situar nunha posición non só a nivel artístico senón político. En todo o proceso lecturas como Antropoloxía das mulleres galegas, as outras olladas editado por Sharon R. Roseman e Enrique Alonso Población, viñeronme moito á cabeza durante o proceso". Segundo explica o director "a este libro cheguei a través dun artigo de Montse Dopico en referencia ao falso mito do matriarcado co que non sei como dei. Foi iluminador, comecei a tirar do fío a partir de alí e lin outras investigacións". A incidir neste tema Gago apunta que "se confunde moito a idea estereotipada de muller rural e muller forte coa idea de muller poderosa. O único certo é que a muller está oprimida e sometida". Este cineasta apunta que, en relación a esta visión "hai tamén unha mitificación dunha vida rural algo idílica" que contribúe a esta perspectiva.

Mudanzas relativas
Encol de se están a se dar mudanzas na percepción xeral sobre a figura da muller e o mito do matriarcado, "quero pensar que si", sinala Gago, "que se están a producir avances a todos os niveis, penso que o tan necesario avance do movemento feminista está a contribuír a cambios sobre moitos estereotipos, entre eles este do matriarcado. Vou bastante por institutos e colexios co filme, e sempre pregunto se conviven con esta idea. E vexo que en moitos casos continúa a ser unha idea incuestionable, que a muller aquí ten máis poder que noutros lugares. Hai que facer máis forza". Fronte a esta visión que xorde en certa medida "influenciada polo que nos din desde fóra", a súa experiencia con Matria arredor do mundo é dunha grande identificación coa protagonista. "Houbo moitas reaccións, e foi emocionante ver como mulleres en principio moi afastadas desta realidade se identificaban tanto con Ramona e coa súa situación".