A Universidade de Vigo impulsa os itinerarios en galego en tres titulacións

O reitor confirmou a intención de implantalos no vindeiro curso en Ourense e Pontevedra

O reitor confirmou a intención de implantalos no vindeiro curso en Ourense e Pontevedra
Reunión do Consello de Goberno da Universidade de Vigo Foto:DUVI
A Universidade de Vigo podería implantar a partir do vindeiro mes de setembro o itinerario en galego nos graos en Educación Infantil e Educación Primaria, que se imparten no campus de Ourense, e o Grao en Comunicación Audiovisual, que se imparte no campus de Pontevedra. Tras ofrecerlle a posibilidade a todas e todos os responsables dos centros dos tres campus, serán estas titulacións as que finalmente a Universidade de Vigo proporá á Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística para se impartan, a partir do vindeiro curso 2019-2020, o 80% dos créditos en galego, segundo anunciou o reitor, Manuel Reigosa, aos integrantes do Consello de Goberno na sesión ordinaria celebrada onte. O reitor lembrou que con esta iniciativa se pretende que a Xunta invista a partida contemplada no Plan Galego de Financiamento Universitario 2016-2020 destinada á promoción de titulacións en galego. "O noso acordo é que unha parte a pagará a Xunta e outra será con cargo aos nosos orzamentos", puntualizou Reigosa en relación co financiamento dos futuros itinerarios en lingua galega segundo recolle o DUVI.

Este foi un dos temas que o reitor incluíu no seu informe ao Consello de Goberno, ao que tamén confirmou, que tras a decisión da Xunta de Facultade de Belas Artes de denegar o plan de estudos do Grao en Deseño e Creación, que está concedido pola Xunta e que xa debera de estar en vías de implantación para a súa posta en marcha o vindeiro curso, a Universidade está a traballar para poder implantar a titulación noutro centro. "Como equipo de goberno parécenos unha titulación de extraordinario interese e moi ben inserida no Campus CREA e buscaremos unha solución, que probablemente pase por nomear un decano ou decana comisaria para facer esta titulación dentro doutro centro. Parécenos unha titulación á que non podemos renunciar, que fortalecerá o campus e faremos o que sexa preciso para que se implante noutro centro no curso 2020-2021", detallou Reigosa.
Ligazóns