A organización da XXIV MITEU premia a Ana Romaní

Os galardóns teatrais foron a tres compañías de diferentes países

Os galardóns teatrais foron a tres compañías de diferentes países
Imaxe da gala de peche celebrada o sábado no Teatro Principal de Ourense. Imaxe: Miteu
Despois de 17 intensos días de programación, a XXIV edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu) baixou o sábado o pano coa entrega de galardóns no Teatro Principal. A xornalista, escritora e académica Ana Romaní recibía o premio da organización da Miteu, recalcando dela o seu compromiso coa cultura galega e a liberdade de expresión, especialmente a través do programa Diario cultural, que ela mesma dirixía na súa anterior etapa ata xuño do pasado ano. O Premio do Xurado foi para Teatr'ubi, de Covilhá, Portugal, e o do público para Teatro Espressivo, de Costa Rica. Por último, o Premio á Mellor Resolución Técnica Suso Díaz foi para Los Pinches Chamacos, de México. Trala entrega de premios, a Aula Universitaria de Ourense Maricastaña representou a súa obra Implosións, drogas, pasma e outras cousas das que preocuparse, que propón unha viaxe polas vivencias de personaxes que habitan nos baixos fondos dunha cidade, entre rúas multiculturais, perigos, disparos, sospeitas, interrogatorios, desaparicións e amores que forman parte do cotiá. A Miteu estivo organizada por Sarabela Teatro e dirixida por Fernando Dacosta. Nesta edición foron 28 espectáculos e 29 as representacións que se celebraron en diferentes escenarios da cidade de Ourense, e que abrangueron teatro de rúa, circo, teatro de actor e actriz, danza e música. Entre os grupos participantes mesturáronse grupos profesionais e non profesionais e ademais dunha forte presenza de grupos galegos actuaron compañías de Portugal, México, Nicaragua, Costa Rica e Holanda e de comunidades autónomas como Madrid, Catalunya, Murcia, Castilla y León, Andalucía e Navarra.

Ligazóns