O xurado do IIº Premio Realia de Tradución deixao deserto e expresa desolación polo baixo nivel

A editorial convocadora detalla nun comunicado os múltiples erros e grallas contemplados no uso da nosa lingua

2/5/2019 | Santiago. Redacción | Seccións: LinguaLiteratura
26 lecturas | Compartido 0 veces
O xurado do II Premio Realia de Tradución Literaria convocado pola editorial Hugin e Munin decidiu declarar deserta a edición deste ano ante a ausencia entre os textos presentados do "nivel de calidade, que cabe esixirlle a unha obra gañadora". As obras finalistas que o xurado tivo que considerar foron só catro, tras unha estrita creba seguindo ás bases da convocatoria o que deixou fóra outros dous traballos presentados, e nos catro textos o xurado non atopou a excelencia pretendida e optou "con algunhas dúbidas e certo desalento, por declarar o premio deserto", segundo comunica a editorial. Aínda que desde o xurado e a editorial recoñecen que a selección de obra era boa e as propostas interesantes e agradeceron a participación, deixan razoado ese "desalento" tanto nun baixo índice de participación como nas deficiencias observadas nos textos, e que "suscitaron reflexións diversas relacionadas na súa maior parte co retroceso que está a experimentar a lingua galega en todos os niveis de uso, mesmo entre os galegofalantes". Na súa acta o xurado remarca que a falta de excelencia das traducións antes que no dominio da lingua de partida dos tradutores, radica nos problemas á hora de trasladar o texto a un galego correcto. Tamén chama para eles a atención que unha delas "era unha tradución trampa perpetrada a través dunha lingua ponte, o castelán". No seu comunicado, e indo máis alá do propio contido da acta, desde Hugin e Munin decidiron resumir "cun afán construtivo, lonxe de calquera intención instrutora ou dun perfeccionismo malsán", as principais eivas detectadas nos textos presentados conformando un compendio bastante extenso.

Universo culturagalega.gal

Universos

Claves

Entidades