María Reimóndez recibe o Premio dos Clubs de Lectura dos centros educativos

Foi a autora máis lida no curso pasado nos 253 clubs existentes

| Santiago. Redacción | Seccións: Políticas Culturais
Compartir:
Foto: Eds. Xerais

Foto: Eds. Xerais

A escritora María Reimóndez (Lugo, 1975) foi a elixida para o Premio dos Clubs de Lectura 2019 dos centros educativos galegos por ser a autora máis lida no curso pasado nestes grupos. Na actualidade funcionan no sistema educativo galego un total de 253 clubs de lectura ao abeiro das distintas convocatorias da consellería, que reúnen a máis de 11.000 persoas arredor do hábito lector. Reimóndez é escritora, tradutora e intérprete. Foi finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil con Usha (2006) e do Xerais con O club da calceta (2006), obra pola que foi galardoada co premio San Clemente, outorgado por alumnos de institutos, e que foi traducida ao castelán, italiano e francés. No referido á literatura infantil e xuvenil, ten publicados seis libros infantís sobre as comarcas galegas, ademais de obras como Lía e as zapatillas de deporte (2008), que foi Premio Frei Martín Sarmiento 2010; O Monstro das palabras (2009), Corredora (2017), O xeito das froitas (2018) ou Fóra do Normal (2018), entre outros. É autora, ademais, de narrativa para adultos, ensaio e poesía. Ante a comunicación do premio a autora deitou nas redes sociais o seu agradecemento público opola honra referíndose aos clubs de lectura como "viveiro de persoas críticas, pensantes e oxalá sen pausa galegofalantes e feministas". A autora será convidada a participar na XII Xornada dos Clubs de Lectura, prevista para xuño. Nas anteriores edicións recibiron o galardón Agustín Fernández Paz (2015), Ledicia Costas (2016), Miguelanxo Prado (2017) e Carlos Negro (2018).

Que che parece esta nova?
92 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con María Reimóndez, Literatura, Frei Martín Sarmiento, Carlos Negro...