O contrabaixista compostelán Xacobe Martínez Antelo presenta o seu novo traballo discográfico como líder de formación. Capturas (autoeditado, 2019) é o segundo disco gravado en formación de trio, existindo outros dous gravados en formación de cuarteto e quinteto. O batería Max Gómez repite nesta formación con Martínez Antelo e complétase o trío co saxo tenor de Xosé Miguelez. Capturas presenta oito temas de composición propia de Xacobe Martínez. Un traballo profundo, maduro e que está ancorado no rpesente como o demostran os títulos das pezas, desde A política lingüística de Alberte co que abre o disco a Conciliade malditos, Non alimenten ó Troll ou O precariado. Composicións todas elas orixinais e inspirada en feito cotiáns e realidades agresivas que forman parte do actual contexto vital. O disco, presentado en formato digi-pack, foi gravado, mesturado e masterizado este pasado mes de marzo nos estudos Savik Sound de José Trincado, "Triqui", un sitio habitual de músicos de jazz e onde Martínez Antelo xa ten gravado outros traballos. O disco está en plataformas dixitais e pode adquirirse no web de Martínez Antelo.