Talía estrea a comedia 'A primeira vez' do dramaturgo polaco Michał Walczak

O Teatro Principal da Estrada acollerá este venres a presentación da montaxe

Talía Teatro estrea este venres 29 de marzo na Estrada A primeira vez, unha produción baseada no texto do dramaturgo contemporáneo polaco Michał Walczak (1979). Artur Trillo adapta o texto e dirixe a María Ordóñez e Toño Casais nesta montaxe que se presenta no Teatro Principal da Estrada este venres ás 21 horas. A primeira vez conta en ton de comedia amarga a primeira relación sexual de Mada e Carlos. Unha relación na que ela oficia de directora e guionista da historia, quen planea o encontro perfecto, coidado e medido ata o último detalle; e el, que se converterá no seu fiel actor. A infinita repetición e o eterno ensaio pasan a ser o motor da relación. Defendida a toda costa por el, sabotada polas constantes saídas de ton dela, querendo e non; un asúmea como feito necesario, oportuno e desexado, pero intranscendente, mentres que a outra ansía unha primeira vez perfecta, resultado dunha decisión moi meditada, ata o extremo. Michał Walczak é un dos máis prolíficos autores da nova dramaturxia polaca e as súas obras están traducidas a máis de vinte idiomas, agora tamén ao galego grazas a Artur Trillo e Talía Teatro. Polo da agora non se coñecen as seguintes datas para a xira desta obra. A compañía mantén en cartel a súa outra recente produción, Vida de cans.

Ligazóns