Un texto de Bertolt Brecht dirixido por Quico Cadaval compón a nova montaxe de Talía Teatro. Artur Ui, o ovo da serpe inicia este mes a súa xira galega con Dani Trillo, Marta Lado, Toño Casais, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos, Xurxo Barcala e Artur Trillo sobre as táboas. A estrea será o 13 de marzo cunha segunda función o 14 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
Segundo explica a presentación da compañía, "Artur Ui, o ovo da serpe é unha aposta por contar o momento actual a través da lente crítica e irónica do teatro épico". A comedia, que adapta o texto A resistible ascensión de Artur Ui "máis aló de ser unha homenaxe a un clásico do século XX, esta produción explora con profundidade crítica os mecanismos de poder, a natureza do autoritarismo e as súas manifestacións ao longo da historia, establecendo un paralelismo claro co momento actual no que o fascismo asoma novamente o fociño fóra do ovo".
Na montaxe preséntase o ascenso do totalitarismo ao xeito das manobras dunha mafia, nesta ocasión coa compañía a apostar por unha ambientación oriental para a trama. A xira de presentación continuará por Vigo o 20 de marzo, Cee, o día 21, Lugo, o 22 de marzo, Santiago (26 e 27) e Bertamiráns (17 de abril).




