O barrio santiagués de San Pedro volverá a acoller unha nova semana de celebración e divulgación do xénero literario negro. As rúas e prazas do barrio serán o escenario, entre o venres 29 de marzo e o domingo 7 de abril, do segundo capítulo da SEMANA DA NOVELA NEGRA, unha iniciativa promovida por Libraría Pedreira e que contará cunha serie de actividades arredor deste xénero entre as que se inclúe a resolución do misterio da vaga de crimes que asola o barrio. Coa colaboración do escritor Héctor Cajaraville, creouse un misterio para resolver anticipándose aos crimes grazas a pistas colocadas en máis de trinta establecementos colaboradores que poden ser usadas desde o pasado día 14 por calquera que desexe participar. Ademais o programa deste segundo capítulo da Semana da Novela Negra inclúe coloquios, debates e presentacións, coa presenza de escritoras e escritores de prestixio na literatura galega como Manuel Rivas, Alberto Varela Ferreiro, Manuel Esteban, Bieito Iglesias, Pedro Feijóo ou Domingo Villar, entre outras.