A TVG non emitirá a entrega dos Premios María Casares do Teatro Galego

A propia asociación de actores ofrecerá a gala pola rede a través de YouTube

A propia asociación de actores ofrecerá a gala pola rede a través de YouTube
Momentos previos á pasada gala dos Premios Maria Casares no Teatro Rosalía da Coruña Foto: S. Montes
A canle pública Televisión de Galicia non retransmitirá este ano de ningún xeito a gala dos Premios de Teatro María Casares desde o Teatro Rosalía de Castro da Coruña. A decisión tómaa a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) que ven de comunicala e ofreceralle ao público a posibilidade de ver a gala a través da empresa ourensá Aleuto Medios Dixitais, que se encargará da retransmisión en streaming que se poderá seguir a través de Youtube a partir das 21.00 h. do xoves 21 de marzo. A asociación organizadora destes premios, que celebran este ano vinte e tres anualidades como os premios de referencia da escena teatral galega, toma esta decisión motivada pola negativa dos responsables de programas da canle pública a reunirse con eles para "propoñerlles cambios e melloras na retransmisión", reunións que solicitou "ao longo dos últimos meses". A asociación tamén enviou por escrito a petición de mellorar diferentes aspectos da retransmisión e solicitouse que a emisión fose pola primeira canle da TVG "nun horario razoable" pero no recibiu resposta ante o que decidiu poñer en marcha a súa propia canle de difusión vía Internet e renunciar á cobertura habitual da canle pública. A mellora das condicións da difusión desta gala a través dos medios públicos galegos era unha teima da AAAG que vía relegada a retransmisión ao streaming na web e á emisión pola segunda canle "en horarios poucos favorables para a audiencia", segundo lembra a asociación nun comunicado.

A directiva da AAAG responde así a unha decisión asemblearia da que xurdiu o mandato de mellorar as condicións da emisión por parte da TVG ou, en caso contrario, de buscar novas alternativas. En declaracións a este medio o pasado ano para a reportaxe A familia das excelencias sobre os diferentes premios culturais, a presidenta da AAAG, Nieves Rodríguez, vía na cobertura que a TVG estaba a dar aos premios "unha descompensación" respecto ao que ocorre cos "premios irmáns" Mestre Mateo do Audiovisual. A AAAG considera que a CRTVG "falla neste senso e noutros moitos na súa obriga de difundir a cultura propia en xeral e a teatral en particular". A posterior cobertura xornalística que poida ter o evento nos medios públicos galegos aínda está por comprobarse, pero os actores consideran no mesmo comunicado que "nin os María Casares nin o sector escénico encaixan nas coordenadas marcadas polo lema de #Cultura365, impulsado pola CRTVG dende o momento en que se desvirtuou a marca histórica do Diario Cultural con gran protesta dentro do sector cultural".