Os Xenerais: A tradición actual (II)

A aposta polo ensino ou a integración da muller evidencian a aposta do Entroido do Ulla por se adaptar aos tempos

A aposta polo ensino ou a integración da muller evidencian a aposta do Entroido do Ulla por se adaptar aos tempos
Fragmento dunha imaxe da Unidade Didáctica sobre os Xenerais da Ulla. Fonte: Xeneraisdaulla.gal
A posta en marcha de espazos específicos na rede, a creación de recursos para centros de ensino ou a integración das mulleres nos roles protagonistas da festas son algunhas das iniciativas que amosan a capacidade de reinventar un entroido tradicional como é o dos Xenerais da Ulla.

Conscientes de que a transmisión das tradicións xa non se desenvolve do mesmo xeito que nas sociedades tradicionais, multitude de centros de ensino incorporan o Entroido do Ulla como parte do seu programa desde hai anos. Obradoiros para a elaboración de coplas ou de confección de traxes de Xenerais para o alumnado fan parte das novas canles que procuran manter vivo este legado e que facilitaron que neste 2019 se estree medio cento de Xenerais infantís no marco da festa."Está a se facer moito traballo e co apoio dos propios xenerais, que visitan os centros", lembra Yolanda Ferro, responsable do web dos Xenerais desde Turismo de Compostela, a apuntar casos de colexios de Vedra, Teo ou o Lamas de Abade de Santiago. "Fan disfraces ou atranques infantís como en Vila de Cruces ou Silleda", explica. Tamén a escola Semente en Compostela organiza cada ano un desfile que leva os seus xenerais ao casco histórico compostelán. Actividades coma esta, ou incorporación destes personaxes ás festas de Entroido escolares son novos xeitos de manter viva esta tradición.

Proxectos didácticos
Carmela Sánchez Arines foi a encargada, desde a desaparecida empresa Etnoga, de crear diferentes guías didácticas sobre esta festa "Chamáronnos do Concello da Estrada para elaborarmos unha guía sobre o seu Entroido. E fixérono porque vían que isto xa funcionaba nos centros. Mesmo houbo algún, como o de Figueroa, que lle dedicou aos Xenerais e ao Concello o seu proxecto de centro. Pero aínda así non había moito material didáctico, e de aí saíu a idea". A seguir este ronsel, os oito concellos que promoven os Xenerais da Ulla apostaron por apoiar esa integración da festa nas escolas. De novo foi Carmela Sánchez a encargada de desenvolver as guías didácticas para diferentes niveis de ensino que se poden atopar no web XeneraisdaUlla.com. "Fíxose unha unidade xeral con información e propostas de actividades complementarias sobre o que é este tipo de entroido e logo desenvolvéronse cadernos didácticos para diferentes niveis", explica. "Tentamos abranguer varios ámbitos para que se puidese traballar desde diferentes materias. Hai partes sobre xeografía, para coñecer os concellos e as súas formas ou a historia dos mesmos. Tamén abordamos os animais a partir dos cabalos e mesmo das plumas de pavos reais que se empregan dos traxes", lembra a autora. Estes materiais apostan tamén por revalorizar os atranques en galego. "Moitísimas das coplas que hai recollidas están en castelán, entón tentamos revalorizar as que había en galego", apunta.

Os tempos da remuda
Nese sentido, Sánchez ten clara a necesidade do o traballo en centros de ensino arredor da tradición, "ten moitísima importancia. Non é só un labor de educación senón de sensibilización. Se todas as crianzas que están a estudar agora, sobre todo nos primeiros niveis de infantil e primaria, ven isto como algo natural e habitual, van a tender a acabar integradas en asociacións ou hanse activar se ven que isto comeza a faltar". Desde a Asociación Xenerais da Ulla de Santiago, Suso Cebeiro recoñece a importancia deste labor, e apunta a integración de xenerais infantís nos atranques. "Está moi ben que se involucren os nenos, pero non se pode cargar todo o Entroido da Ulla sobre eles. Xa só fisicamente é moi intenso andar cos cabalos todo o día dun lado para outro. Aínda este ano en Angrois veu un neno de oito anos ao atranque, e quedou fantástico, fíxoo moi ben, pero non é o mesmo que ver un adulto a facelo", apunta. Nese sentido coincide con Carmela Sánchez en destacar o labor de sementeira deste labor. "Esa xente tan nova que vén por detrás e que xa viu a festa desde a escola ao mellor fai que este Entroido poida ter de novo o auxe que tivo. O problema agora é a xeración que está entre os 17 e os 26 ou 28 anos, que eran os que tiñan que estar máis involucrados", lamenta.

Xenerais audiovisuais
Dentro das adaptacións que están a vivir os Entroidos da Ulla aparece tamén a aposta polo audiovisual como xeito de transmitir e divulgar esta tradición. Nese sentido, as festas contan cunha ben surtida canle de Youtube que mantén o videoafeccionado J.García baixo o nome VideoXIAN. Na mesma, pódense atopar preto de 80 vídeos que recollen atranques e celebracións das diferentes parroquias e recompila imaxes da festa aparecidas en diferentes medios desde os anos 80. Para alén do labor promocional deste espazo, os vídeos serven tamén como arquivo dos atranques e traxes que se empregan en cada ano e lugar. A esta iniciativa súmase outra, a canle Xenerais da Ulla, tamén desenvolvida por usuarios de Youtube, que compila vídeos sobre a festividade de diferentes fontes.



Web e altos virtuais
Pola súa banda os oito concellos que contan coa declaración de Interese Turístico para esta festa desenvolveron o web Xeneraisdaulla.gal, que achega cumprida información sobre o Entroido e as actividades que se desenvolven cada ano, para alén de proporcionar múltiples recursos para coñecer mellor esta tradición. Este labor complétase con perfís específicos da celebración en Facebook, Twitter e Instagram. Tamén a aproveitar o potencial das redes sociais, en 2017 naceron os altos virtuais. As parroquias de Bama e de Fao, en Touro sacaron as súas coplas para rifar dialecticamente a través da rede cun hashtag propio, #altobamafao. A iniciativa parou neste 2019 pola baixa na celebración de Bama.

Xenerais a Escena
Outra innovación que lle chegou a este Entroido foi o seu desenvolvemento escénico. Títeres Cachirulo estrou en 2016 a montaxe As Xeneralas da Ulla, protagonizada por dúas xeneralas coas súas respectivas correos, tamén mulleres. Desde aquela, é habitual nos programas dos Entroidos esta montaxe, que incorporou no último ano figuras doutras festividades tradicionais da festa de diferentes partes do país. Na obra os bonecos desenvolven os seus propios atranques a falar sobre paz, ecoloxía e artes. Para alén da escena, a proposta achega tamén obradoiros de coplas, que logo se incorporan á obra, e mais de xoguetes en papel vencellados ao Entroido dos Xenerais e das Xeneralas.

O xénero
Do mesmo xeito que nesta obra, a incorporación de mulleres nos roles principais da festa está a ser tamén unha constante no desenvolvemento recente destes entroidos. Nese labor, este 2019 marca un fito coa presentación do primeiro uniforme específico de xenerala, que se realizará no marco da Festa da Filloa de Lestedo, o vindeiro 10 de marzo, e que elaborou a deseñadora Carmen Pichel. Desde a Asociación de Xenerais da Ulla, Cebeiro apunta que "Estou completamente de acordo con que haxa xeneralas, aínda que de xeito tradicional non as houbese. As mulleres ían de directoras e no Coro de Bonitos, pero a cabalo sempre ían homes", lembra. "Desde hai uns anos comezaron a se integrar máis no Entroido da Ulla e agora van presentar este traxe, e paréceme ben. Só penso que ten que ir na liña dos que xa existen, que son traxes napoleónicos ou carlistas. Non se pode facer algo totalmente novo, cómpre que siga unha liña de patronaxe. É como se alguén colle as pantallas de Xinzo e decide inventar un traxe". Tamén as propostas educativas participan tamén do esforzo pola inclusión das mulleres nos roles principais deste Entroido. "Cos materiais tentamos traballar a igualdade entre homes e mulleres", lembra Carmela Sánchez. Estas iniciativas están a ser os seus froitos e, tal e como lembra "agora hai tamén xeneralas", e cada vez están presentes máis nenas implicadas nas actividades escolares a ocupar este rol.

Xeitos urbanos
A urbanización crecente da zona onde se desenvole este Entroido fixo que en moitos casos os xenerais acabasen ocupando novos espazos fóra das parroquias rurais. Deste xeito, a súa presenza en ámbitos emblemáticos da capital galega como a Praza do Obradoiro, o Centro Comercial Área Central, onde se presentou a programación de Entroido deste 2019, ou mesmo na cancha de baloncesto de Sar achéganlles nova visibilidade e significado.



Deste xeito, a Festa da Filloa de Lestedo incorporou un desfile de Xenerais e na Estrada estas figuras tamén fan parte do desfile das festas. De feito, a vila concentra as representacións desta tradición de todo o concello. "É tradición que o martes de Entroido unha das parroquias vaia ao desfile da vila", explica Cebeiro. Coma estes, noutros casos a partilla de espazos con formas máis urbanas de entroido leva tamén a mesturas, que fan que por exemplo os Xenerais do Castiñeiriño conten na súa comitiva coas batucadas do grupo Trópico de Grelos, asentado no barrio, do mesmo xeito que outros lugares incorporan modernas charangas aos seus paseos. Tamén o Demo de Reis conta coa súa propia carroza no desfile local desta parroquia de Teo. E en lugares como Cacheiras, o pasado ano o coro de bonitos tomou a decisión, non exenta de polémica, de escoller un disfrace temático no canto de manter o traxe tradicional.

Vantaxes e problemas da cidade
"En barrios como o Castiñeiriño, que xa é case o centro de Compostela, debes ter moi en conta por onde vas saír, como vas facer e como vai reaccionar a xente. Porque pode haber quen o acolla ben e quen chame á policía porque andan con cabalos pola rúa. Este ano os de Angrois baixaron ata a Colexiata de Sar e houbo xente á que lle pareceu mal" explica Suso Cebeiro. Para alén dos problemas, a integración das cidades ten tamén as súas vantaxes. Segundo apunta Yolanda Ferro, "no caso das parroquias de Compostela, a proximidade a un centro urbano facilita por exemplo a presenza de turistas que veñen ver a cidade e poden achegarse a pé ou mediante transporte público a velo. É máis fácil chegar a Angrois que a Bama, por exemplo", indica. Outra vantaxe indirecta que teñen os Entroidos composteláns, segundo esta técnica "é que toda a xente que agora está a levar esta festa no Concello coincidiron na escola de Lamas de Abade. Alí van os nenos e nenas de Marrozos, Aríns ou Angrois, entón coñécense desde o colexio e teñen relación e diálogo desde entón, o que facilita logo a colaboración entre parroquias".

Asociacións
As adaptacións son inevitables e afectan a todo tipo de cuestións. Así, a necesidade de contar con personalidade xurídica fixo que moitas comisións de festas, como a do Castiñeiriño, optasen por se constituír como Asociacións Culturais que facilitan solicitar permisos e desenvolver xestións para estes eventos. "A burocracia para obter axudas é algo que se complicou moito nos últimos anos. As comisións de festas, que teñen un carácter espontáneo ou informal, teñen dificultade para facer xestións deste tipo, e por iso casos como o da Asociación Xenerais da Ulla de Santiago de Compostela son tan importantes", explica Yolanda Ferro desde Turismo de Santiago. "Esta asociación en concreto permitiu coordinar os entroidos locais e acceder a subvencións da Deputación da Coruña. Posúen detrás unha infraestrutura que outras comisións non teñen". E é que semella que cómpre innovar para manter as tradicións, e nese sentido os Entroidos da Ulla amosan exemplos que poden ser de grande interese para outros patrimonios inmateriais do país.