Os Xenerais: A tradición actual (I)

A colaboración de oito concellos e a aposta pola promoción fan do Entroido da Ulla un caso único en Galicia

A colaboración de oito concellos e a aposta pola promoción fan do Entroido da Ulla un caso único en Galicia
Xenerais en Vila de Cruces. Fonte: Xeneraisdaulla.gal
Un Entroido que se estende por oito concellos, no que son habituais as colaboracións entre localidades e que aposta por novas vías para garantir a súa continuidade. O dos Xenerais da Ulla é un caso pouco habitual no noso país, e amosa os desafíos aos que se enfrontan moitas destas festas tradicionais de cara ao futuro.

Fronte á habitual reclamación local do carácter único de cada Entroido que vemos no noso país, o do Xenerais da comarca da Ulla é un caso único. Esta festa esténdese, con variacións, por unha trintena de parroquias e oito concellos de dúas provincias diferentes. De feito é o único Entroido dos nove declarados de Interese Turístico no noso país que abrangue máis dun municipio. Dentro desta amalgama, e no canto de competir, asociacións e entidades locais dos diferentes lugares colaboran para a súa perpetuación. Sexa por isto ou pola importante promoción que está a ter, a festa está a conseguir unha presenza mediática cada vez maior e vive procesos de recuperación en diferentes parroquias.

Concellos unidos
O desenvolvemento actual que está a acadar este Entroido xorde dunha inédita colaboración. A Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces son os oito concellos que se uniron para reivindicar a tradición alén das particularidades locais. Cabe sinalar que, alén deles, tamén a parroquia padronesa de Carcacía celebra esta festividade. Logo de varios encontros para desenvolver uns obxectivos comúns foi a de 2011 a primeira festa na que se foi concretando esta colaboración. Neste sentido, a creación dun calendario que permitise visibilizar as celebracións na trintena de parroquias que mantiñan viva esta festa apareceu como unha ferramenta fundamental. Canda a isto, a aposta pola declaración como Festa de Interese Turístico, que se conseguiu en 2013, facilitou o dar a coñecer esta particular celebración. Con estas metas en mente desenvolveuse tamén un web, traballo nas redes sociais e unha aposta didáctica para escolas. Segundo explica Yolanda Ferro, técnica de marketing de Turismo de Santiago e delegada desta entidade na coordinadora de concellos deste Entroido, "desde a declaración a festa gañou moitísima difusión e comezou a estar presente nas ferramentas de difusión de Turismo de Galicia". Citas como Fitur, a feira internacional de turismo madrileña, ou o desfile anual de entroidos de Galicia que se desenvolve cada mes de setembro en Compostela, así como diferentes contidos de promoción turística incorporaron a figura dos xenerais. "Á parte das accións da Xunta, este grupo de concellos traballa cada ano e fai folletos, carteis, notas e roldas de prensa, material educativo ou mesmo organiza excursións para coñecer estes Entroidos. A nivel de promoción, difusión e de dar a coñecer esta tradición houbo un crecemento moi importante".

A organización desde a base
No entanto, hai voces que apuntan que, como tantas outras tradicións, tamén esta pode ter problemas para continuar a se celebrar no futuro. "O Entroido da Ulla está a se recuperar, pero ao tempo está tamén a desaparecer", apunta Suso Cebeiro, presidente da Asociación Xenerais da Ulla de Santiago de Compostela. "Cada vez é máis complicado facelo e o día que falten as catro persoas que turran por el en cada parroquia acabará por se perder. Poida que acabe por quedar en catro sitios puntuais" vaticina. O labor de organización que se desenvolve desde o voluntarismo das comisións de festas supón en moitas ocasións problemas para a continuidade do festexo nun lugar ou para atopar relevo. "Houbo uns anos nos que colleu moito auxe pero de repente volveu decaer. Hai lugares que o recuperan un ano pero ao seguinte xa no o fan, é algo que dá moito traballo e depende moito de quen estea na organización".

Incentivar e organizar
As medidas de apoio dos concellos e mais a declaración como Festa de Interese Turístico contribuíron a incentivar o traballo veciñal e ao tempo axudaron a pór o foco dos diferentes gobernos locais nas súas parroquias, tanto con subvencións para contribuír á festa como con infraestruturas para o seu desenvolvemento. Para alén da promoción, tamén se desenvolveron desde os concellos actividades como os obradoiros de costura para ensinar como elaborar os complicados traxes de xenerais e correos. Con isto queríase facilitar que houbese un maior número destas pezas dispoñible para as diferentes festividades. A necesidade de se organizar para achegar con antelación datas para o calendario común, para responder aos requirimentos dos medios de comunicación, para organizar visitas a centros de ensino ou para actividades conxuntas obrigaron a novas cotas de coordinación no seo dos colectivos veciñais. No entanto, moitas das persoas que traballan a prol da conservación desta festa teñen claro que non é o papel das corporacións locais asumir a organización dos entroidos. . "Hai puntos no que o traballo dos concellos é moi bo, como é a presenza dos Xenerais na Mascarada Ibérica ou no desfile de Entroidos que se fai en Compostela. En xeral o traballo de promoción é fantástico e os medios de comunicación préstanlle moita atención", recoñece Suso Cebeiro, ao tempo que puntualiza que "o que teñen que facer os concellos é á máxima promoción que se poida, pero non se meter no que fai a xente de cada aldea. Teñen que deixar que os parroquianos fagan o seu Entroido e o desfruten do seu xeito. Non se pode meter o concello medio a lles dicir como teñen que ir ou a darlles novas ideas, iso racha con todo", salienta.

A colaboración
Para alén dos concellos a colaboración está presente desde sempre nesta celebración. O préstamo ou alugueiro de traxes é algo que fai parte deste Entroido de xeito tradicional, ao igual que noutras festas do país. Na actualidade, a cooperación entre diferentes parroquias e localidades está a facilitar a conservación e mesmo a expansión desta tradición. Segundo apunta Cebeiro desde a súa experiencia no Eixo, "nós prestamos vestimentas ou cabalos, e é habitual que se cedan mesmo entre parroquias de diferentes concellos. Cando unha parroquia quere recuperar este Entroido temos claro que hai que axudar no que faga falla, con vestimentas, cabalos ou o que sexa. Se ninguén deixa nada é inviable recuperar unha festa coma esta desde cero. Vestir a oito persoas de Xenerais ten un custo moi alto". Isto levou tamén á xa tradicional dispersión das datas para celebrar os atranques, xa que a falta de equipamento axeitado impedía en moitos casos que diferentes parroquias festexasen o mesmo día. Foi tamén esta colaboración a que permitiu que parroquias como a compostelá do Castiñeiriño recobrase os seus xenerais en 2018, logo de corenta anos sen os celebrar. Segundo explica Pablo Seijas, da Asociación Cultural Carnavalesca do lugar "os cabalos que hai no Castiñeiriño participan e logo traemos algún de fóra se non chegan. Veñen cabalos de Santa Lucía ou de Angrois, sen problema ningún, os veciños pórtanse moi ben. Pedimos os traxes a parroquias lindeiras, e nós tamén colaboramos prestando cabalos e cousas. Agora a ver se conseguimos fondos para facer algún traxe e tamén prestalos nós e facer intercambios como se fixo toda a vida".

As recuperacións
Compostela é un caso destacado de recuperación desta festa, xa que, tal e como lembra Yolanda Ferro desde Turismo de Santiago, "Cando comezou o grupo de promoción dos Entroidos, en 2011, celebrábanse Xenerais en tres parroquias, O Eixo Aríns e Marrozos. Agora sumáronse tamén Angrois e o Castiñeiriño, e isto é algo moi lusionante". Seijas recoñece que a súa propia paixón polo Entroido contribuíu a dinamizar esta celebración no barrio. "Eu casei no Castiñeiriño hai catro anos, pero son de Cacheiras e levo toda a vida a celebrar carnavais. E tentei recuperalo. Comecei a falar con xente, a asociación de veciños apoioume e fomos facendo". Unha exposición de fotografías antigas das festas locais, canda a traxes achegados de Cacheiras contribuíron a facer memoria de como era a celebración. No segundo ano no que os Xenerais percorren o barrio, o balance está a ser positivo. "Desta volta houbo máis xente e colaboraron máis, houbo como cen persoas". Malia ao carácter urbano de boa parte do barrio, este activista do Entroido apunta que a colaboración do Concello facilitou o control do tráfico para que os desfiles puidesen ocupar as vías públicas.

Unha expansión irregular
A esta recente recuperación precederon nos últimos anos outras en Rarís e Luci (Teo) e diferentes parroquias da Estrada ou Vedra. Fronte a elas, no entanto, "perdeuse nun lote de parroquias nas que se facía", lamenta Suso Cebeiro. E é que, para alén dos lugares que nos últimos anos están a manter a festa, o web Xeneraisdaulla.gal apunta que hai rexistro da mesma en "San Mamede de Ribadulla e San Miguel de Sarandón en Vedra, Gres e Brandariz en Vila de Cruces e Ledesma en Boqueixón, entre outras" que non manteñen a tradición. Tampouco é estraño que cada ano haxa altas e baixas na listaxe de lugares que celebran a festa. Deste xeito, Cacheiras "que era un dos lugares que tiña máis tradición e un Entroido máis forte", segundo Cebeiro, caeu da celebración este ano pola falta de comisión. Tamén en Vedra houbo baixa dunha das parroquias que recuperara a festa, e tampouco hai entroido este 2019 en Bama (Touro). Na Estrada, que nos últimos anos viu atranques en Arnois, Santeles, Couso, San Miguel de Castro, Oca ou Riobó, este ano unicamente celebra os Xenerais Santa Cristina de Vea.

Xenerais que non tapan o bosque

Vello dos Cornos. Imaxe de Xeneraisdaulla.gal
Vello dos Cornos. Imaxe de Xeneraisdaulla.gal


A figura do xeneral non está soa nos Entroidos do Ulla. A súa espectacularidade, foco fácil para as cámaras, está a facer que fiquen agochadas para moitos medios e mesmo para o público outras máscaras que permiten a participación de toda unha tropa de veciños nas festas a desenvolver diferentes papeis. A sinalar elementos comúns con outros entroidos do país, é de destacar a figura do "Demo" (en Reis, concello de Teo) ou do "Vello dos cornos", máscaras que gardan grandes semellanzas con outras como o Oso de Salceda ou os peliqueiros do Entroido Ribeirao. Estes primitivos disfraces feitos de peles de animais entroncan estes entroidos, noutros aspectos con personaxes como os Xenerais nados no século XIX, con outras festividades a priori mais ancestrais. A Fiadeira, parella do Vello dos Cornos en Merza, conecta tamén a festa cunha figura mítica que en moitos lugares do país e de Europa se considera construtora de monumentos megalíticos. Canda a eles, é común en varias da parroquias a existencia de desfiles que representan en ton de burla diferentes oficios ou arquetipos da sociedade tradicional. Deste xeito, exércitos con Correos, Sentinela ou Abanderados, complétanse con formacións como o coro de Bonitos, a Vellería, a Comparsa, a Parranda, o escribán, os mouros, os aradores ou a Parranda dos cegos (en Salgueiros, Vila de Cruces), cada un deles cos seus papeis e códigos de vestimenta e comportamento, que acompañan a figura dos Xenerais. A presenza destas figuras, no entanto, non é aleatoria, senón que teñen diferentes niveis de importancia. Tal e como sinala a guía didáctica que realizou Carmela Sánchez Arines para esta festa, no caso de non dispor de xente para compor todos os grupos, "en entidades con pouca veciñanza o que no faltará serán Correos, Xenerais e un coro".

Coro de bonitos. Imaxe de Xeneraisdaulla.gal
Coro de bonitos. Imaxe de Xeneraisdaulla.gal


Coro de bonitos nunha parroquia de Santiago. Imaxe de Xeneraisdaulla.gal
Coro de bonitos nunha parroquia de Santiago. Imaxe de Xeneraisdaulla.gal


O problema dos coros de Bonitos
Precisamente recuperar e manter estoutras formacións é á vez a aspiración e o reto fundamental para moitas das iniciativas arredor da festa. "O problema máis grande co que nos atopamos é implicar a mocidade. Estamos a tentar recuperar os coros de bonitos e os que participan é a xente maior", cando tradicionalmente eran o espazo da xente nova no Entroido. "A mocidade quere ir disfrazada do seu xeito e non como se fai de xeito tradicional, cunha xente responsable que indica como hai que facer ou onde cantar. Non se trata só de ir detrás dos xenerais", explica Cebeiro.

A dificultade dos cabalos

Cabalo engalanado nunha parroquia de Compostela. Imaxe de Xeneraisdaulla.gal
Cabalo engalanado nunha parroquia de Compostela. Imaxe de Xeneraisdaulla.gal


Unha das características máis singulares deste Entroido, como é o papel fundamental que teñen os cabalos supón tamén unha complicación loxística para o seu desenvolvemento. Máis aínda nun momento coma o actual no que, canda a diminución da cabana equina, a festa comeza a se incorporar a contornos urbanos. "A verdade é que a xente toda que deixa os cabalos para ir no carnaval merecen todo o agradecemento. Non é só mandalo desde a cadra, hai que o ter ben lavado e preparado. É un conxunto. Non vale que o Xeneral vaia todo engalonado e o cabalo vaia desferrado, cunha cabezada toda rota e unha sela calquera por cima. Un cabalo que vaia ben preparado, coas súas cabezadas, co seu fecho coa súa retranca, coa súa sela como é debido, co plumacho na cabeza e a manta por diante de cores e xa é outra cousa. Cando menos na nosa zona somos moi meticulosos con iso, non todo o mundo se para tanto".

A participación desde fóra
A cuestión da participación dos visitantes de fóra da parroquia é outro dos restos que ten este Entroido. A mestura das formacións tradicionais coa espectacularidade dos atranques poden ter máis dificultades en integrar os foráneos do que outros entroidos nos que hai maiores opcións de interacción. Ou quizais simplemente esixan un maior coñecemento de como funcionan esta festas. "Nunca se lle fechou a porta a alguén que viñese ao Entroido. No Eixo, de onde son eu ven moita xente e participan sen problema nos coros ou nas parrandas. Non se se noutras parroquias é máis complicado", explica Cebeiro. "O que non pode é chegar calquera a facer de Xeneral. Iso ten un traballo importante detrás. Tampouco podes chegar a Laza e pór un traxe de Peliqueiro. Aquí é algo semellante aos folións. Tes que saber de que vai, ter un trato coa xente do lugar e logo che dirán o que tes que facer e como facer. Aquí tamén podes ir disfrazado e sumarte á comitiva, pero hai unha estrutura e un xeito de facer as cousas que só sabemos nós, hai que respectar sempre os xenerais".

O reto da transmisión
"Hai factores que xogan en contra desta tradición como son o despoboamento e o envellecemento do rural" apunta Yolanda Ferro. Para alén disto, a transmisión da organización da festa é complicada "o carnaval é unha cousa que dá moito traballo, ás veces a xente non se quere mollar", explica Pablo Seijas desde o Castiñeiriño. Nese sentido a transmisión preséntase como unha cuestión que cómpre asegurar e na que incide de xeito particular tamén Suso Cebeiro. "A mocidade que é a que tería que turrar por isto non quere, prefiren ir ao seu, pasalo o mellor posible e non ter complicacións de organización. Este é o problema máis grande do Entroido, cando menos por onde son eu".
Unidade didáctica sobre os Xenerais para educación infantil e primaria.
Publicación sobre os Xenerais do Ulla. Boqueixón.
Publicación: Xenerais do Ulla - Vila de Cruces, Silleda, A Estrada, Vedra e Padrón.
Memoria para a declaración de Festa de Interese Turístico do Entroido dos Xenerais do Ulla.