Rolda de prensa de presentación do Festival Atlántica 2019
82 espectáculos, en 15 cidades e durante 13 días, do 12 ao 23 de marzo de 2019. Así son os números do Festival Atlántica de Narración Oral, que chega á súa sétima edición convertido "no festival de narración oral con maior número de espectáculos da península ibérica" e un referente para outros eventos similares no ámbito da lusofonía, segundo informou a directora do evento, a actriz Soledad Felloza. Felloza tamén sinalou que é a primeira vez que o Festival chega ás catro provincias galegas, celebrándose en localidades como Santiago, Ferrol, Lugo, Lalín, Teo, Pazos de Borbén, A Fonsagrada, Viveiro, Monforte de Lemos, Guitiriz, A Coruña, Ourense, Vigo, Rianxo, Cuntis e Brión. Atlántica ofrecerá unha programación para distintos públicos e idades, con artistas procedentes de diferentes territorios do Estado, dos países da lusofonía e unha ampla representación da narración oral galega. A gala inaugural, que se celebrará o mércores 13 no Teatro Principal de Santiago, combinará música a través do grupo Leilía con narradores como María da Pontragha, Sole Felloza, Celso Sanmartín e José Luis Guti.

