Onte, 7 de xaneiro, foi o 69º cabodano de Castelao, que morreu en Bos Aires en 1950. Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, anunciou onte que, "ante a demanda da cidadanía", a institución decidiu ampliar un mes máis a exposición "Alba de Gloria de Castelao. Unha experiencia", que se pode visitar na igrexa de San Domingos de Bonaval, en Compostela. A exposición presenta e contextualiza o discurso "Alba de gloria" de Castelao a través dun itinerario interactivo que inclúe unha experiencia en realidade virtual. A maiores, outras entidades rememoraron a Castelao e a súa obra. O 17 de xaneiro, o Museo Centro Gaiás, no marco da exposición "Castelao maxistral" acollerá un concerto da Real Filharmonía de Galicia cun repertorio centrado nos países que percorreu o intelectual galeguista e un encontro con persoas refuxiadas e exiliadas en Galicia, en colaboración con Aministía Internacional. E onte a Deputación de Ourense celebrou un acto de homenaxe a Castelao, canda o ourensán Rodolfo Prada, activista político e cultural na Arxentina e colaborador de Castelao.