Esta fin de semana, en concreto, o 30 de decembro, é a data de peche do Museo de Arte Contemporánea Naturgy, MAC, da Coruña. Ante a inminencia deste feito sen noticias ningunha por parte da fundación da empresa eléctrica para manter a actividade do centro ata que as administracións atopen unha solución para a súa continuidade e o mantemento da súa colección, diferentes colectivos e asociacións levarána a cabo mañá unha concentración de protesta ante o centro. Baixo o lema "QUE NON SE APAGE A LUZ DA ARTE. NON AO PECHE DO MAC!" máis de trece entidades de varios tipos, veciñais, políticas ou culturais fan unha convocatoria para concentrarse mañá venres, 28 de decembro ante as portas do MAC nun acto de protesta e defensa deste recurso cultural e a súa actividade. Hai previstas conversas entre as administracións, lideradas polo Concello da Coruña, co representantes da obra social da empresa Naturgy, pero estas negociacións terán lugar co centro xa pechado, posto que a Fundación Naturgy négase a levar adiante unha prórroga da súa actividade. A concentración está apoiada por: Asociación Cultural Alexandre Bóveda, Asociación Cultural Maquinaria Pesada, BNG, CIG, Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros, Barrio de Eirís/Campo da Fresa, Avv Atochas Monte Alto, Asociación Veciñal Agra do Orzán, Asociación de escritoras-es en lingua galega - AELG, Asociación Sociopedagóxica Galega - ASPG, A colectiva - asociación profesional de artistas de Galicia, Amigos dos museos de Galicia - Portas Ártabras, Comisión Aberta en Defensa do Común, Plataforma en Defensa da Ría de Sada e Betanzos.