O CGAC adianta o seu programa para 2019 con novas actividades

Loreto Martínez Troncoso, Ángela de la Cruz e René Heyvaert protagonizan as primeiras exposicións

Obra de Ángela de la Cruz.
Obra de Ángela de la Cruz.
Logo de centrar a súa programación de 2018 na celebración do 25 aniversario, o Centro Galego de Arte Contemporánea adiantou a súa programación para os primeiros meses de 2019. Deste xeito, Loreto Martínez Troncoso protagonizará a primeira das exposicións previstas. Vestiges d’ici,Vestixos de sí, comisariada por Chus Martínez Domínguez, permanecerá aberta ao público desde o 8 de febreiro ao 9 de xuño. O día 22 de febreiro abrirá Homeless, unha restrospectiva de Ángela de la Cruz, coproducida co Centro Azkuna de Bilbao e comisariada por Carolina Grau, que estará aberta ata o de 19 de maio. A programación expositiva para o vindeiro trimestre remata coa inauguración o día 7 de marzo da exposición de René Heyvaert comisariada conxuntamente pola sua filla Anne Heyvaert e o director do CGAC, Santiago Olmo, que estará aberta ata o 16 de xuño.


A nivel de actividades, o centro anuncia novos programas que procuran chegar a un público máis diverso. Deste xeito, porase en marcha Aula Diversa. Arte, Natureza e Abstracción, un programa de educación artística para a integración de persoas con diversidade funcional dirixido por Adriana Pazos Ottón. Na Varanda, á súa vez, será un proxecto de arte "coa xente dos barrios e colectivos cidadáns" que procurará "o encontro, o diálogo e o achegamento entre o museo e a veciñanza de Santiago de Compostela", a lle propor aos participantes realizar "a súa propia exposición de arte contemporánea empregando as obras dos fondos da Colección CGAC".