Vudú, a banda formada por Belém Tajes -teclado e voces- e Maritxinha -baixo e loops-, presentará este domingo 16 de decembro ás 20 horas na Sala Garufa da Coruña o seu novo traballo, Vudú Vol. III. O dúo xa fixeron unha breve presentación do disco na pasada feira Culturgal. Vudú Vol. III supón o peche dunha triloxía e o inicio dunha nova etapa. Con el, as coruñesas Belém Tajes e Maritxinha preséntannos o seu primeiro disco editado, cheo de sons máis pop ca nunca, percusións electrónicas e os seus inconfundibles tintes de jazz e soul. Partindo de letras tradicionais que veñen directamente das súas avoas, Vudú atrévese nesta ocasión tamén con ritmos próximos aos anos cincuenta en temas como Xa me dixo, a revisitar cancións populares como en Unha noite na eira do trigo e Eu chorar chorei -o seu primeiro sinxelo- e tamén a presentarnos propostas de composición propia coma o é Lingua, que xira arredor das linguas minorizadas. Vudú Vol. III foi gravado en Drum&Roll (A Coruña) e El Observatorio Musical (Madrid). Conta con Nicolás Viéites na produción musical e con colaboradores e colaboradoras moi especiais como Adrián Seijas (Misterioso viaje a Holanda, Xoel López) nas percusións, Nata Álvarez (Swingdigentes) ao saxofón, ou rapera Wöyza, que poderedes escoitar no tema CouCou. No ano 2016, a banda Voo Doo, a súa formación anterior, faise co premio á mellor canción en Galego por Eu son VooDoo no certame Musica Xove e ao ano seguinte, acadan o Premio Martín Códax da Música galega na categoría Blues/Funk/Soul.