Fernando Epelde e Rafa Vilar fanse coa I edición dos Premios SELIC

O xurado deixou deserta a categoría de narrativa dos galardóns composteláns

A edil de Acción Cultural Branca Novoneyra, presentaba esta mañá no Concello de Santiago o fallo dos I Premios SELIC de creación literaria. Fernando Epelde foi o gañadora na categoría de teatro coa súa obra Realness, mentres Rafa Vilar se impuxo na de poesía con A cidade e a chuvia. O xurado, composto por Paula Carballeira, Antón Lopo, Montse Dopico, Xavier Lama e Lupe Gómez, deixou deserta a categoría de narrativa, á que no se presentaron obras. Cada un dos gañadores recibirá un premio de 2.000 euros e verá publicada a súa obra polo Concello, que a distribuirá na vindeira edición da Semana Literaria de Compostela.


Encol de Realness, o xurado destacou que "é unha obra que crea unha atmosfera rica, atractiva e suxestiva; e cunha escrita limpa e puída que permite unha lectura áxil que narra o enfrontamento entre a lei e a liberdade". Ademais, apuntan que o texto "presenta unha frescura e unha actualidade chea de conversas disparatadas e interesantes, con personaxes que se expresan con naturalidade e formula interrogantes sobre a identidade sexual das persoas".

Pola súa banda, a obra de Rafa Vilar "evoca a alma interior e a identidade de Santiago nun traballo sensitivo, delicado e cheo de matices" e "describe a necesidade da chuvia cunha elegante composición de versos moi medidos, que precisan dunha lectura lenta, e que reflicten á perfección o paso das estacións, a mutabilidade da vida na cidade".