O Teatro Colón da Coruña celebra hoxe o seu 70 aniversario cun programa especial de actos aberto ao público e no que tomarán parte protagonistas do seu percorrer. O arquitecto Jacobo Rodríguez-Losada Trulock deseñou en 1945 este edificio e o teatro abriu as súas portas en 1948 da man do empresario de espectáculos Emilio Rey Romero, promotor e artífice da súa construción. A xornada estará dedicada a facer un percorrido pola súa historia iniciándose cunha rolda de visitas guiadas ás 18:30 para coñecer mellor as dependencias ás que o público non adoita acceder e a detalles do recinto. A continuación haberá unha mesa redonda cun percorrido pola súa historia de man dalgúns dos seus protagonistas como poden ser: Jesús Ángel Sánchez García (Historiador da Arte); Luis Seoane Seijas (Xerente da Empresa Fraga na Coruña, primeiro director do Teatro Colón); Cristóbal Crespo (Arquitecto encargado da obra de remodelación do Teatro Colón); Javier Ozores Marchesi, Productor cinematográfico; Bettina Kohlhaas, directora actual do Teatro Colón; Isabel Rey, filla do dono orixinal do Teatro Colón. A xornada de aniversario se pechará coa proxección da película Carta de una desconocida, de Max Ophüls, unha das estreas no cartel do Colón o ano da súa inauguración.