Novas escavacións revelan a complexidade do castro de Viladonga

Un depósito de auga e un corpo de garda exterior á croa son os principais achados

Un depósito de auga e un corpo de garda exterior á croa son os principais achados
Alxibe do castro de Viladonga. Foto: culturagalega.gal
As novas intervencións arqueolóxicas promovidas pola Consellería de Cultura no castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo) e realizadas pola empresa Terra Arqueos están a ofrecer datos de gran relevancia para comprender a evolución deste castro. O director da intervención, Miguel Ángel López Marcos, destacou a localización dun depósito de auga, un alxibe, no interior do castro, que contaba mesmo con escaleiras para descender a limpalo. Este alxibe está vinculado, segundo o arqueólogo, ás primeiras fases do poboado, en época prerromana, e sufriu varias reformas. "Comezou estando en uso cunha planta, despois colmatouse e construiuse a muralla por riba, e logo volveuse reempregar", indica. "Este poboado tivo unha vida moi longa e é habitual que as estruturas teñan diferentes fases construtivas".

O mesmo acontece con outra estrutura "perfilada" na zona exterior, nun dos parapetos exteriores do xacemento, no que é un dos achados máis relevantes da campaña. Alí os arqueólogos localizaron "parte dunha gran estrutura que define un corpo de garda vinculado á protección da entrada leste". Trátase dun sistema defensivo que pasou por "tres ou catro fases distintas". Da primeira pódese observar un torreón que apunta cara a croa do castro "arrasado durante un gran incendio que detectamos en varios puntos do castro". Posteriormente, sobre aqueles restos ergueuse un parapeto de terra, e despois se definiron os muros e se fixeron escaleiras de acceso". López Marcos sinala a relevancia deste achado: ata agora só se coñecían en detalle as estruturas defensivas das croas dos castros, pero estes achados en Viladonga revelan que a complexidade e a monumentalidade das defensas vai alén da muralla principal da fortificación e afectan tamén a recintos exteriores.