O estudio Creus e Carrasco leva o premio Juana de Vega de Intervencións na paisaxe

O dúo de arquitectos obtivo o galardón co seu proxecto para unha casa unifamiliar en Cee

A Fundación Juana de Vega daba a coñecer onte o fallo do seu Premio de Intervencións na Paisaxe, na súa categoría de vivenda unifamiliar. O estudio Creus e Carrasco fíxose co galardón polo seu proxecto para a Casa C, unha vivenda localizada en Cee na que, segundo apunta o xurado, o dúo"inclúe múltiples solucións interesantes e novidosas, tanto no emprego dos materiais, con referencias aos que existen na zona, como na transición dos espazos nas tres alturas do edificio ou no muro curvo de madeira que recolle os roupeiros da entrada". Ademais o fallo salienta "que unha obra de arquitectura tan avanzada se acolle con naturalidade e satisfacción polos propietarios da vivenda, que traballan na zona, e que foi executada por unha empresa da comarca". Os gañadores recibirán un premio de 6.000 euros en metálico.

Trespes Arquitectos, pola súa banda, recibiu un accésit de 1.500 euros polo seu proxecto "Rehabilitación e ampliación de vivenda unifamiliar en Elviña", que sinala como "un exemplo salientábel de respecto aos valores da edificación preexistente e de resolución das necesidades dos seus propietarios, que se manifestan moi compracidos polo resultado". A maiores, destacou como finalistas a remodelación da "Vivenda en A Lonia (Ourense)", de Kiko Jorreto Díaz, e a "Casa da Viña", en Allariz de Juan Seara Oro.

O xurado do premio, que se convoca cada ano nunha das súas tres categorías (Vivenda unifamiliar, Intervencións no patrimonio e Intervencións en espazos exteriores) estivo composto por Gonzalo Byrne, Teresa Taboas, Rosario Sarmiento, Miguel Fernández Cid, Fernando Agrasar Quiroga, Antonio Maroño Cal, Isabel Aguirre de Urcola e Enrique Saéz Ponte.