A Casa de Rosalía obtén o Premio do Público do Culturgal

Impúxose nas votacións á Rede Cultural da Deputación da Coruña e mais ao Chanfaina Lb

Cun total de 444 votos a Casa de Rosalía foi seleccionada como merecedora do Premio do Público do Culturgal 2018. A organización da feira daba a coñecer o resultado desta selección o pasado sábado 24 logo do feche das votacións por Internet. A entidade impúxose aos outros candidatos, a Rede Cultural da Deputación da Coruña, que obtivo 403 votos, e o Chanfaina Lab de San Sadurniño, que ficou con 341. Segundo destacan os responsables da feira a casa conta con "case cinco décadas de historia, unha referencia dentro e fóra de Galicia e, ademais, desde hai un lustro axitando con novos aires o legado da autora galega por excelencia. A Casa de Rosalía (Padrón) ocupa un lugar privilexiado no mapa cultural do país; alí concéntrase a vixencia da figura e obra de Rosalía de Castro. Con ambición a Casa de Rosalía enfronta presente e futuro, cunha remodelación e adaptación a novas necesidades e un proxecto museográfico que destaca a relación da autora coa contemporaneidade". A entrega do premio celebrarase o vindeiro 2 de decembro ás 18:45 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra.