O Arenteiro Fotográfico de O carballiño ofrecerá vinte exposicións

A iniciativa da Asociación O'Potiños busca ocupar a paréntese do Outono Fotográfico este ano

O río Arenteiro dá nome a unha iniciativa de arte fotográfica que se inaugurará este vindeiro sábado en O Carballiño e que se desenvolverá durante os meses de novembro e decembro. A mostra Arenteiro Fotográfico, organizada pola Asociación Fotográfica O'Potiños, incluirá unha vintena de exposicións individuais e colectivas distribuídas en dez espazos da localidade e créase co ánimo de funcionar como "unha paréntese do Outono Fotográfico de Ourense", segundo declarou na súa presentación Manuel Blanco, presidente da asociación, que vencellou directamente esta iniciativa coa situación que pasa o OF afirmando que a mostra nace "en parte para curar o despropósito co Outono Fotográfico Ourensán". Un dos organizadores do OF, Xosé Lois Vázquez, apoiou coa súa presenza esta presentación.

O Arenteiro fotográfico ofrecerá en novembro as exposicións de Tere Fernández, Fuco Reyes, Beatriz Cabenelas, Eutropio Rodríguez, Iván Barreiro, Ana Pumar e Teté D.Estate. Así como as colectivas da propia asociación O'Potiños e da Asociación Fotográfica Os Negativos. As salas de exhibición van desde espazos públicos como o Auditorio Municipal Manuel María, a casa do Concello ou a Rúa do Paseo ata varios establecementos de hostelaría como Hotel Arenteiro, Casino, Café Peñasco, Pazo Almuzara, Asador Veracruz e Café Plaza. En decembro terá lugar a remuda de exposicións e poderán verse as propostas de Jesús Gil e Clara Lelarge, Agrupación Fotográfica Fotosíntese, Roberto García, Alberte Pereira e Roberto de la Torre, así como a correspondente aos Premios Viña do Campo 2018.