Restaurar unha arte perdida

Malia ao esquecemento no que se atopaban as decoracións en cal, diferentes profesionais traballan para recuperar estas pezas

Malia ao esquecemento no que se atopaban as decoracións en cal, diferentes profesionais traballan para recuperar estas pezas
Traballo de creación de decoracións en cal. Foto: Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra
Cando aínda está se popularizar a importancia e a singularidade do patrimonio galego de decoracións en cal, un grupo de especialistas leva xa tempo a traballar na restauración e na recreación destes elementos. Á dificultade de dominar unha técnica de construción esquecida súmase a de traballar sobre pezas moi fráxiles feitas practicamente de terra e cal. Abordamos a problemática deste patrimonio desde a perspectiva dos artesáns.

Lenzos de Terra e Cal é o nome co que se presentan varios profesionais que centran a súa acción no traballo da bioconstrución a partir de técnicas tradicionais. "É o nome que lles demos á páxina de Facebook na que compartimos traballos que facemos, inquedanzas e outras cousas. Xabier Bernárdez, Sol Ocampo, Damián Prazo e ou eu mesma empregamos este nome cando facemos algo conxunto", explica Carola Sánchez. "Todos nós temos experiencias na bioconstrución, na construción tradicional ou na restauración de bens culturais". É a partir do interese compartido pola construción tradicional nas súas diferente modalidades que estes profesionais chegaron á decoración en cal. "No caso dos compañeiros que estamos máis centrado no ámbito da restauración tivemos que tratar temas de cal. Logo Damián tamén comezou a traballar a construción con barro e con cal e a partir de aí comezamos a estudar esta cuestión e outras formas en desuso". No seu haber, contan coa elaboración das novas decoracións que se poden ver no Ecomuseo de Arxeriz, no Saviñao, e as que promoveu o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra en Castro Caldelas e en Barxacova (Parada de Sil), así como restauracións en Montefurado, (Quiroga), e no Campo, (Taboada) entre outras.


Vídeo sobre os esgrafiados do Ecomuseo de Arxeriz


Carola Sánchez e Damián Prado explican o traballo nas decoracións con cal

A Ribeira Sacra e as múltiplas decoracións
O grupo ten unha especial sensibilidade polo patrimonio de decoracións que se conserva na Ribeira Sacra. "É unha zona onde se dá moito. Ademais, Sol Ocampo é da zona, e con el outros compañeiros hai xa anos que tiñan unha certa fixación neste tipo de decoracións. Entón a partir dos coñecementos de cada un e da experiencia con este material fomos estudando o tema". Ao igual que acontece con outros estudosos, a cuestión do nome que se lles pode dar a estas formas artísticas é tamén algo complexo para os profesionais de Lenzos de Terra e Cal. "Nós falamos en xeral de Decoracións en Cal, porque hai moitos tipos de técnicas en Galicia. En moitas ocasións pódese falar de esgrafiados, pero hai casos nos que poden semellar as mesmas decoracións e en realidade son técnicas diferentes". Nese sentido especifica que "a definición de esgrafiado é un morteiro aplicado a varias capas cun recorte da capa final que dá un cambio de tonalidade entre a primeira e a última capa para crear contraste". Este tipo concreto de decoración é a propia de edificios con maior status. "Logo hai outros edificios menos importantes que amosan tamén unha técnica destacada".

As decoracións autóctonas
Malia a non ser exclusiva do noso país, este tipo de arte conta con peculiaridades propias en Galicia. "A grande peculiaridade en Galicia é a adaptación que se fai das técnicas a cada lugar", explica Sánchez. "Isto débese aos materiais básicos que se podían extraer en cada zona, que eran o cal, a area, a auga e os pigmentos para facer o morteiro. Se en lugares como Segovia vemos que os pigmentos e a cor son algo planificado, aquí é resultado do tipo de area que se colle. Pode estar mais cargada de óxido, ou de arxila ou pola contra, collerse no río e estar máis depurada. Ou adquirir unha tonalidade máis gris se, por exemplo, é de zona de lousa. Hai moita improvisación e non está tan estandarizado neste sentido". Fronte a isto, advirte que "a contemplar os motivos, aínda que poidan parecer improvisados ou de técnica libre si que se ve que a decoración estaba moi traballada e a composición moi estudada". Canda a esta, "a outra grande peculiaridade é que existen moitas variedades de estilos e de técnicas nun territorio moi pequeno. Podes coller unha zona como o concello de Sober e atopar unha grande variedade de estilos e de técnicas, e o mesmo na calidade dos revestimentos".

A difícil restauración
A perda do esgrafiado, para alén dunha cuestión de preferencias estéticas ou das mudanzas nos xeitos de vida, ten tamén unha causa técnica. "O que está en desuso, e abrangue tamén isto, é o cal graxo ou en pasta como material de construción", resume Sánchez. O traballo con estes materiais, fráxiles e a miúdo cun importante grado de deterioro é todo un desafío. "Facer novos traballos con estas técnicas implica unha planificación e unha organización diferentes á que esixen outros morteiros. Os tempos do cal son diferentes, pero non é algo especialmente complicado para quen os coñece e ten experiencia na construción", explica. Pola contra a restauración destes bens "ten esa peculiaridade de que en Galicia se traballa sobre materiais e soportes moi variados. Hai paredes onde a base é de lousa ou de esquisto e teñen moita terra entre as pedras. Noutras zonas o soporte é máis de tipo granítico, e este é un factor que inflúe moito na conservación e que fai máis ou menos sinxela a restauración. En xeral o estado de conservación é decisivo, e aí cambia moito se a parede está a cuberta ou non. Mesmo nunha mesma parede podes traballar desde un nivel micro, a parar moito con tratamentos específicos, ao macro". En xeral, segundo advirte "a restauración de morteiros é bastante singular. Aínda que se poden facer con outros materiais, nos queremos pór en valor o cal e baseamos o traballo en empregar o material orixinal, sen usar nada sintético. Se temos que imitar unha cor empregamos pigmentos que son sempre a base de materiais e que ás veces mesmo están a carón da construción".



Un interese crecente
Cando aínda está a se espallar a importancia patrimonial destas decoracións, os profesionais de Lenzos de Terra e Cal apuntan que están a chegarlles encargos neste campo. "Son cousas contadas, pero nos últimos anos fixemos un pouco de todo, desde restauracións ata algunha decoración nova", lembra Sánchez. "Non é un ritmo moi acelerado, pero si é certo que cada moi pouco aparece algún proxecto ou alguén que pregunta, e isto tamén che permite continuar investigando. Non é unha explosión, pero de catro anos para acó si se observa esta tendencia". Nese sentido, observa unha maior atención a estes bens. "Nós queriamos crear a conciencia de que é posible a restauración destes elementos, xa sexa completa ou para facilitar a súa conservación. E semella que nos últimos tempos está a se crear un interese. Se non é o propietario, hai veciños aos que lles interesa e que ven que se pode manter algo, ou que alertan de que hai cousas en perigo". Para alén do traballo directo sobre as pezas, "algo que fixemos tamén moito ultimamente foi asesorar algunhas persoas que querían conservar estas decoracións. A min persoalmente algo que me dá bastante satisfacción é ver que hai colectivos que se interesan, asociacións de veciños que queren actuar nun edificio e que, ao ser unha entidade, teñen máis factible atopar financiamento". As maiores, como avance destacado sinala que "na Guía de Cor e Materiais de Galicia da Consellaría de Medio Ambiente hai recomendacións para conservar estas decoracións, e este é un paso moi grande, porque amosa que o tema chegou ás institucións, que hai outros profesionais, arquitectos ou técnicos, que están a mirar para que se preserve isto".

Outros patrimonios construtivos
En paralelo a este patrimonio, a xente de Lenzos de Terra e Cal lembra que existen outras formas construtivas que agardan tamén polo seu recoñecemento. "A construción tradicional é algo que cando vas de turista gústache ver. Eses lugares que se manteñen igual que hai 300 anos, por exemplo. Pero logo na casa cústamos máis apostar por ela, aínda que está a medrar o interese". A hora de reivindicacións patrimoniais pendentes neste campo, sinala que, en xeral "ao estudar restauración achégaste moito ao patrimonio e ves tamén estas técnicas como un elemento máis a estudar, conservar e promover". De xeito máis concreto, lista por exemplo "o tapial que se dá en Lemos ou na Limia, o trabadillo e todo tipo de entramados como o pallabarro, ou as cubertas vexetais como son os teitos de palla dos Ancares ou do Courel". Para ela, no entanto, "sobre todo cómpre destacar que non falamos só de conservar, senón que moitas destas técnicas son factibles e poden competir perfectamente cos medios actuais, achegan solucións moi factibles e axeitadas".

De cara ao futuro no traballo con estes elementos, Real6 Carola Sánchez pensa que irá a máis. "Está a se ver que hai decoracións deste tipo por toda Galicia, cada vez coñécese máis este material. Entón se non é por estética, ás veces por interese de cara á saúde ou á preservación do medio emprégase o cal e as técnicas asociadas". Para os interesados en abordar algunha restauración con estes materiais, Sánchez sinala que na "Asociación Galega de Bioconstrución pode contactar con bastantes profesionais que traballan o cal en Galicia".