Redescubrir a arte das paredes

Novas propostas de investigación e divulgación incorporan as decoracións en cal ao patrimonio do país

Novas propostas de investigación e divulgación incorporan as decoracións en cal ao patrimonio do país
Detalle dun esgrafiado en San Vitorio do Val (O Saviñao). Fotografía de Mar López Sotelo.
Un novo patrimonio está se reivindicar no espazo público. Espallada por boa parte do país, pero cunha especial presenza Ribeira Sacra, as artes do esgrafiado e do encintado decorativo, xeitos tradicionais de decorar o exterior dos edificios, aparecen como elementos a conservar e defender. Malia a levar anos a ser estudados, é mediante o traballo colectivo a través das redes sociais e da man de axentes locais que estas formas artísticas están a se dar a coñecer nos últimos meses como un novo recurso cultural e turístico. Espazos na rede, exposicións, conferencias, publicacións, propostas didácticas e outras iniciativas reclaman a importancia destes bens.

Adornos na forma de figuras realizadas co cal que se emprega para recubrir as xuntas das pedras na casa e relevos realizados no encalado que cubre as paredes son manifestacións artísticas que ata o momento pasaron desapercibidas para público e institucións. Exemplos destes labores espállanse por vivendas tradicionais de todo o país, cunha especial presenza na Ribeira Sacra. Logo de anos a pasar desapercibidos, encintados e esgrafiados comezan a acadar recoñecemento da man de investigadoras e divulgadoras como Mar López. A partir dun interese por todo o relacionado con este territorio "como un proxecto de superación persoal, ao sufrir unha enfermidade dediqueime a fotografar a zona en apoio da súa candidatura para Patrimonio da Humanidade como un xeito de pasar o tempo". Esta educadora social aproveitou os coñecementos que está a adquirir no grao de Antropoloxía Social e Cultural para a súa aproximación ao territorio. "Baseeino todo no estudo etnográfico. Abordei o viño, os bancais e a viticultura heroica, pero tamén mosteiros, pombais, casas antigas, todo o que atopaba". No medio de todos os elementos que retrataba e recollía, "unha tarde a facer estas rutas atopei unha decoración que non coñecía". E aí comezou o seu interese polos traballos en cal.

As novas olladas
A súa descuberta dos esgrafiados levouna a desenvolver unha exhaustiva investigación sobre esta arte e na actualidade está a elaborar unha tese sobre o tema. Canda a este labor, desde o blog Rede Ribeira Sacra creou un completo mapa coa localización e fotografías de máis de 500 exemplos desta decoración e acumula preto de 10.000 imaxes dos mesmos. Ademais comisariou unha exposición no Museo Etnográfico Liste de Vigo arredor da mesma e é autora dunha mostra fotográfica itinerante que achega exemplos deste patrimonio. Tamén botou a andar a páxina de Facebook, Decoracións en cal na arquitectura tradicional que está a se revelar como unha ferramenta destacada na descuberta de novas mostras. De xeito paralelo ao seu traballo, o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra está a desenvolver unha serie de accións para divulgar estes bens. Entre estas, destaca a recente publicación na rede do libro Esgrafiados na Ribeira Sacra. De tradición cultural a recurso turístico de Xosé Manuel Vázquez Rodríguez. Propostas que están a pór de actualidade un patrimonio que, aínda que investigado desde hai un tempo, pasara desapercibido para o público. O web desta entidade salienta a importancia do conxunto deste patrimonio. "Estamos ante a que posiblemente sexa a maior concentración de encintados e auténticos esgrafiados da Península Ibérica en ámbito rural", sinala.

Os nomes da arte
Se ben agora é o termo xenérico de esgrafiados o que se está a empregar para denominar estas pezas, non é o que tiñan tradicionalmente. "Nun traballo que fixen sobre a linguaxe secreta dos canteiros atopei que lles chamaban charujas. Máis tarde, dous informantes faláronme de que lles chamaban recebado palomero, porque en moitas casas facíanse figuras de pombas, e aínda outro asegurou que se lles chamaba só encintados" asegura a investigadora. Vázquez, pola súa banda, apunta na súa obra que "recollemos na Ribeira Sacra denominacións como encintado, recintado, cintado, cachoteado, gazpeado ou en¬calado". A problemática de denominar este tipo de arte, ante a ausencia de literatura previa sobre a mesma no noso país, foi un problema que tiveron que enfrontar diferentes investigadores que se interesaron polo mesmo. "Mesmo cando fixemos a exposición no Museo Liste non empregamos o termo, tiñamos reservas ata que confirmamos que se podía falar de que eran esgrafiados. Algún artigo que se fixera desde este mesmo centro nos anos 90" da man do arquitecto Plácido Lizancos "non empregaba ese nome, e noutras referencias tampouco había idea de como lles chamar. Falabamos de encintados ou de decoracións en cal, ata que puidemos confirmar que se podía aplicar o significado de esgrafiado". Neste acordo foi de especial importancia, segundo salienta, o contacto con Rafael Ruíz Alonso, autor dunha tese sobre este tipo de arte que ten unha especial importancia e elaboradas manifestacións en Segovia. "Veu ao Museo Liste a velos e confirmou que se trataba de esgrafiados", asegura esta investigadora.

Casa esgrafiada en Sabadelle
Casa esgrafiada en Sabadelle


A arte
Se ben non todas as decoracións son esgrafiados. Nun comezo, o emprego do cal para cubrir as xunturas das pedras tiña unha función illante. "Protexía a pedra, era ignífugo, funxicida e evitaba que entrase a humidade na casa", explica López. Este labor, coñecido como encintado carecía polo xeral dun compoñente creativo claro. Á hora de definir estas decoracións, a obra de Vázquez Rodríguez, logo de repasar a bibliografía existente e a atender as investigacións sobre os grandes centros peninsulares desta arte, Segovia e Évora, apunta que "diferenciamos, na técnica de execución das decoracións sobre os morteiros de cal e area, tres tipoloxías básicas. A primeira son os encin¬tados, con claras intencións estéticas na Ribeira Sacra, que selan, resaltan e regularizan as xun¬tas de cachotería e cantería. A segunda variable está representada polo grafito inciso, seguindo a denominación segoviana e portuguesa, procede¬mento que tamén atopamos con frecuencia na Ribeira Sacra, sendo o revoco riscado, perfilan¬do a decoración. E a execución máis complexa está representada polo esgrafiado ou esgrafito, como aplicación de unha segunda camada de revoco, trazando debuxos con grafio, coitelas ou cucharín (denominación da ferramenta no caso galego), retirando con raspado a capa superficial antes do seu endurecemento, quedando ao des-cuberto a camada inferior, mostrando diferente cor e textura". Do mesmo xeito, López recoñece que as técnicas empregadas nesta decoración mudan moito segundo os casos. "Algúns só aparecen raspados para facer figuras sobre paredes brancas, con fendas finas. Noutros casos hai raspados máis fondos do material e mesmo nalgúns detéctanse tres niveis diferentes no deseño. Logo hainos coas pedras tapadas e outros que as deixan sen tapar", explica esta investigadora.

Diferentes labores
O desenvolvemento desas intencións artísticas ou decorativas nesta artesanía responde para López "á ostentación pura e dura. Cada casa grande facía un debuxo e a xente da aldea copiaba nas súas casas o modelo que lle parecía máis curioso", sinala. "Isto é algo que continuou ata hai pouco. Logo deses traballos algúns foron feitos por especialistas e consérvanse mellor e outros vense máis sinxelos porque os facían albaneis ou traballadores pouco especializados". A localización das pezas é do máis variado. Adegas, igrexas, casas grandes e vivendas máis modestas comparten este tipo de decoración. "Hai moitos en hórreos, que adoitan ser os máis espectaculares", lembra esta investigadora. A nivel formal "o tipo de decoración seméllase ao gótico pero moitos teñen tamén un tipo máis fantástico, irregulares e con semellanzas tamén co mudéjar" sinala. Entre os motivos máis habituais destacan "a flor galana e a roseta hexapétala" entre outros deseños. "Un dos últimos que atopei, en Purrelos, amosa unha escena completa de caza, co cazador, vacas e árbores, é dos máis espectaculares que vin. Está datado entre 1826 e 1828".

Escena de caza en O Val de San Vitorio de Ribas de Miño. O Saviñao.
Escena de caza en O Val de San Vitorio de Ribas de Miño. O Saviñao.


Abandono
O pouco interese que institucións e sociedade amosaron ata o momento por esta arte fai que en moitos casos haxa un deterioro importante de moitos dos traballos que se conservan. "Algunhas son só de restos mínimos, cousas moi concretas, pero hai outros casos nos que se conservan murais impresionantes", explica López. A situación do abandono das aldeas revélase hoxe como a principal ameaza para este patrimonio. "Hai moitos situados nas paredes norte de casas arruinadas que están moi deteriorados, mentres noutras fachadas e muros consérvanse como se fosen feitos onte mesmo, pero en xeral o estado é moi malo".

Unha datación complexa

Esgrafiado no muro de San Paio de Abeleda
Esgrafiado no muro de San Paio de Abeleda


"Cando comecei a investigación a referencia temporal máis antiga desta arte na Ribeira Sacra era a dunha igrexa datada en 1792" explica López. "Pero logo vin que había exemplos no Mosterio de San Paio de Abeleda, que é do século IX ou como mínimo XI, o que situaría a súa orixe na Idade Media". A técnica continuaría a se empregar, aínda que con menos exemplos ata ben entrado no século XX. Xosé Manuel Vázquez Rodríguez, no seu libro apunta que "as obras que se conservan son relativamen¬te recentes, aparecendo algunhas ornamenta¬cións na área sobre edificacións do século XVII e XVIII, sendo maioritarias as decoracións datadas do século XIX e primeira metade do XX", e sinala que "son numerosas nas pri¬meiras décadas do século XX, decrecendo até a case desa¬parición desta tradición nos anos cincuenta, aínda con ex¬cepcións como unha vivenda no Couto (Taboada), realizada a comezos dos anos setenta, xa en cimento sobre tixolo". Para alén de abordar a cronoloxía desta práctica artística, a investigación de López amplía alén da Ribeira Sacra a presenza deste tipo de decoración, algo que xa aparecera recollido nalgunhas das investigacións anteriores. Así, na tese na que está a traballar, sitúa xa na Idade Media a expansión do esgrafiado por Galicia. "Sabemos que foron os canteiros os que facían ese traballo, e que o período de maior auxe desta profesión foi nos século XII e XIII. Ao facer o mapa observei que os esgrafiados dos que temos noticia sitúanse no ámbito de influencia do Camiño de Santiago, que era tamén a ruta pola que se foron espallando os canteiros. Hai zonas como O Corgo, Portomarín ou o mosteiro de Sobrado dos Monxes onde aparecen tamén".

Olladas temperás
Malia a que ata momento pasaron desapercibidos para público e institucións, o traballo dos esgrafiados xa foi obxecto de mencións por parte de diferentes investigadores e conta con artigos e mesmo unha monografía publicadas. A repasar a historia da investigación sobre esta arte, Vázquez Rodríguez apunta no seu libro mencións da man de Fermín Bouza Brey, xa en 1924, na monografía sobre a aldea de Velle, realizada por Florentino López Cuevillas, Vicente Fernández Hermida e Xaquín Loren¬zo Fernández en 1936, ou de novo da man de Bouza Brey e Xurxo Lorenzo, nun traballo sobre unha parroquia de Mondariz, publicado en 1947. Xaquín Lorenzo en 1962 e Fernández Oxea en 1968 abordaron tamén este fenómeno. No entanto, foi o artigo de Plácido Lizancos Mora, Debuxo e ornamentación na arquitectura do sur da provincia de Lugo, de 1993 o primeiro en atender polo miúdo esta arte. O arquitecto desenvolveu ademais, con Xosé Luís López de Prado, Ana Sogo López e Xosé Manuel Vázquez Rodríguez, un Inventario de inmobles con decoracións feitas en cal entre 1992–1993, por encarga da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Xunta de Galicia. Pola súa banda Tomás Vega Pato asinou en 2007 a primeira monografía sobre a cuestión na obra Arquitectura Popular Ourensá. Pechos de clausura simple e complementos. Encintados, encalados e engadidos decorativos, e en 2012 foi a quenda de Cintados de cal na Galiza. Paredes para ler de José María Ventura Real o que amosa como este patrimonio era coñecido por investigadores e especialistas pero non chegara ata o de agora ao coñecemento do público máis xeral.

Casa esgrafiada no Camiño de Inverno. Montefurado. Quiroga.
Casa esgrafiada no Camiño de Inverno. Montefurado. Quiroga.


Axentes
A descuberta deste pouco coñecido patrimonio está a espertar o interese de diferentes entidades. Aí está o traballo pionieiro do Museo Liste, organizador da primeira exposición sobre estes bens na súa sede en Vigo xa en maio de 2017. A entidade promoveu tamén a exposición itinerante que, a partir de fotografías da propia López está a dar coñecer esta arte en diferentes lugares do país. Pola súa banda, e para alén de publicar o libro de Vázquez Rodríguez, o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia promoveu a rehabilitación de varios destes elementos e o desenvolvemento de novas creacións a empregar esta técnica, un traballo que correu precisamente a cargo do equipo Lenzos de Terra e Cal. As restauracións desenvolvéronse en Montefurado (Quiroga) e no Campo (Taboada), mentres as novas propostas inclúen unha recreación do xeito tradicional en Barxacova (Parada de Sil) e unha intervención que explora a conexión desta técnica con propostas contemporáneas no conxunto histórico de Castro Caldelas. Precisamente este último concello, ao igual que o do Saviñao ou Monforte amosaron tamén o seu interese por dar a coñecer o seu patrimonio deste tipo. Tamén a Fundación Soto de Fión quixo abordar esta técnica no seu Ecomuseo de Arxeriz e incorporou un destes murais, ademais de documentar todo o proceso de elaboración, nunha parede da súa sede. Ata o IES A Pinguela do Saviñao realizou ao longo de 2017 un proxecto educativo arredor destas pezas, Figuras de antonte e de onte, figuras para o maña que foi galardoado co Premio Antón Fraguas. Na última semana Santa, e de novo da man do Consorcio de Turismo, realizáronse as primeiras rutas temáticas para dar a coñecer este bens.

De xeito particular, López insiste na importancia que están a ter as redes sociais para dar a coñecer estes bens. "Hoxe quen non ten redes sociais e non se promove nelas non se ve. Agora estou a facer un libro con intención de recoller ese patrimonio, pero realmente a conta de Twitter específica sobre eles e o grupo de Facebook en apoio da declaración como Patrimonio da Humanidade móvense moito". Esta investigadora é optimista sobre o futuro destes bens, especialmente ante o interese está a percibir. "Penso que se van protexer, estou a ver moita xente, mesmo albaneis e artesáns que preguntan. Hai diferentes persoas que traballan sobre o tema e nos apoiamos uns e outros".