O obradoiro Con barqueira e remador reúne sete poetas na súa nova edición

A Illa de San Simón alberga o encontro entre o 1 e o 6 de outubro

26/9/2018 | Santiago. Redacción | Seccións: Literatura
Compartir:

Un total de sete poetas de Galicia, o País Vasco, Portugal, Alemaña, India e Irak partipan da sétima xeira do Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador. A Illa de San Simón, en Redondela, acolle o programa desta iniciativa que por vez primeira terá o castelán como lingua vehicular. No encontro, a coordinadora Yolanda Castaño, o escritor Xosé María Álvarez Cáccamo; a filóloga e poeta vasca Miren Agur Meabe; a poeta, investigadora e tradutora portuguesa Rosa Alice Branco; o xornalista, tradutor e poeta alemán Timo Berger; o poeta e profesor de español hindú Subhro Bandopadhyay e o escritor, hispanista e tradutor iraquí Abdul Hadi Sadoun compartirán experiencias sobre o reto de trasladar a poesía entre diferentes linguas e versionarán textos das súas autorías.

Para alén do labor de tradución que abordarán os participantes, o programa inclúe tamén tres recitais multilingües abertos ao público. Deste xeito, haberá sesións o mércores 3 de outubro, ás 20 horas na Casa das Campás de Pontevedra, o xoves 4 de outubro, ás 19.30 horas, na Galería Sargadelos de Vigo e o venres 5 de outubro, ás 20:00 horas, na praza de Figueroa en Redondela.

Que che parece esta nova?
42 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito