O Museo de Quiroga contará con tres novas salas

Están dedicadas á pastora neolítica Elba, ao patrimonio mineiro e á evolución climática

O apoio dos fondos europeos Leader que xestiona o Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra-Courel permitirá ampliar o Museo Xeolóxico de Quiroga. O centro, aberto en 2011, realizará da man do concello e desta entidade un investimento de 71.000 euros cos que abrirá tres novas salas de exposicións. Segundo adiantou o Concello, unha delas estará dedicada ao patrimonio mineiro da comarca, con mostras dos materiais que se extraían e dos usos que se lles daban. Unha segunda sala abordará as mudanzas climáticas dos últimos 500.000 anos. Finalmente, a terceira nova sala centrarase na figura de Elba, a pastora neolítica cuxos restos foron descubertos nunha cova do Courel. Ademais de amosar o aspecto que puido ter esta antiga habitantes dos montes, amosarase tamén como era a vida na zona hai 10.000 anos.