Nova colección de Kalandraka sobre biodiversidade para activar o compromiso coa natureza

Vitamina N inaugúrase con libro 'A Torre' de Antonio Sandoval

O libro A Torre, de Antonio Sandoval, é o primeiro da nova colección Vitamina N do selo Faktoría K , da editorial Kalandraka. Partindo do concepto de "Transtorno por déficit de natureza", desenvolvido polo escritor Ricard Louv para explicar as doenzas físicas, sensoriais, emocionais e culturais motivadas polo desapego do medio natural, Vitamina N aspira a combater esas alteracións motivando as lectoras e os lectores a recobrar o contacto coa biodiversidade, a comprendela, admirala e respectala dun modo consciente, san e construtivo, activando "un compromiso persoal e social cada vez maior coa súa conservación e recuperación", explica Sandoval, que ademais de abrir a colección é o coordinador da mesma.

A Torre é unha aproximación á Torre de Hércules e á súa contorna. A partir dun paseo, o autor foi recollendo descricións da natureza, sensacións, relatos históricos e míticos, reflexións de actualidade e ideas sobre como cambiar o xeito no que a especie humana se relaciona coa biodiversidade. Sandoval é escritor, comunicador ambiental e ornitólogo. Está vencellado a organizacións de estudo e conservación do medio natural, e forma parte do Instituto Xosé Cornide de Estudios Coruñeses.
Despois de A Torre, a colección continuará con Corredoira, de Robert Macfarlane. Xesús Fraga realizou a tradución ao galego de ambos títulos, que contan coa proposta gráfica do ilustrador Adrià Fruitós. Son libros impresos en papel procedente de bosques e plantacións xestionados con estándares que garanten a explotación sostible dos recursos. As Lecturas ao Natural de Vitamina N cumpren así cos requisitos ambientais e sociais recollidos no proxecto Libros amigos dos bosques.
Ligazóns