O falecemento de Ernesto Chao enche de tristura a Galicia

O actor fixérase querido en todo o país polo seu entrañable Miro Pereira de 'Pratos combinados'

Ernesto Chao e Rosa Álvares en 'O País do Pato Donald' de Lagarta, Lagarta en 201z
Ernesto Chao e Rosa Álvares en 'O País do Pato Donald' de Lagarta, Lagarta en 201z
O mundo da cultura, especialmente o do audiovisual e o teatro, lamenta hoxe o pasamento do actor Ernesto Chao Pino (Ribadavia, 1943- Santiago de Compostela, 2018) aos 74 anos. O tanatorio de Boisaca acolle a capela ardente do artista. Chao foi un prolífico actor que traballou en teatro, cine e televisión, comezando nos anos sesenta do pasado século e que se fixo moi popular entre o público galego polo seu papel protagonista na comedia televisiva Pratos combinados coa que estivo en pantalla durante máis dunha década con novos capítulos e pola que hoxe é recordado por milleiros de persoas que deitan das redes sociais a súa tristura ante a desaparición de quen tanto os fixera rir. Ernesto Chao xogou asemade importantes papeis institucionais dentro da profesión actoral ao exercer o cargo de director do Centro Dramático Galego entre 1986 e 1987; presidiu asemade o colectivo Escena Galega e foi tamén presidente da Asociación de Actrices e Actores de Galicia (AAAG) entre 2016 e 2017. Sempre foi un home preocupado pola situación da cultura e proactivo na defensa do teatro e da profesión interpretativa e levou as súas reivindicacións ante todas as instancias.

Chao foi ante todo un actor de teatro de múltiples rexistros cunha carreira ininterrompida desde 1969, coa súa dona, a tamén actriz Rosa Álvarez fundou a compañía de teatro Lagarta, Lagarta. A súa última intervención nos escenarios foi na obra A canción do elefante, coa compañía RedRum Teatro. Ten traballado en máis dunha ducia de producións cinematográficas desde 1985, o mesmo ano no que comeza a súa carreira televisiva, ligada a TVE e especialmente á TVG. En TV participou nunha vintena de programas de formatos diversos, contando co papel do reitor na teleserie de Antena 3 Aquí no hay quien viva. O seu último traballo para a TVG foi na serie Marisa calidade mentres que hai pouco apareceu tamén na coñecida serie Fariña, no papel do ex-presidente da Xunta de Galicia, Xerardo Fernández Albor, que tamén faleceu recentemente.

Premios e recoñecementos
En 2002 mereceu o Premio Chano Piñeiro do Audiovisual Galego ó mellor actor protagonista polo seu papel do tetrapléxico Ramón Sampedro en Condenado a vivir (dir.Roberto Bodegas). Pola súa interpretación en O Rei Lear, en 1991 foi finalista nos Premios Compostela de Teatro na categoría da mellor interpretación masculina protagonista. Este mesmo galardón gañaríao en 1993 pola obra Galileo, Galilei. No ano 2002 recibiu o Premio de Honra ABRENTE na XVIII Mostra Internacional de Teatro da súa localidade natal de Ribadavia e no ano 2006 foi finalista ao Premio Mestre Mateo do audiovisual galego ó mellor actor protagonista polo seu papel de Miro Pereira na serie Pratos combinados. Neses mesmo galardóns en 2008 a Academia Galega do Audiovisual concedeulle o seu Premio de Honra. En 2010 levou o Premio de honra Pedigree do VII Festival de Cans.

Reaccións de pesar e recoñecementos ao seu traballo
A noticia hoxe do seu falecemento provocou numerosas mostras de pesar no país onde era tan querido e respectado. A profesión da escena e o audiovisual reaccionou tanto a nivel persoa coma institucional deixando sinal do seu pesar pola perda. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), entidade da que Ernesto Chao foi fundador en 1985 e que presidiu entre 2016 e 2017, manifestou a través dun comunicado o seu pesar polo falecemento do actor do que din que era un "auténtico pioneiro da escena do noso país e un referente apreciado e querido tanto para a profesión coma para o público". A Xunta Directiva da AAAG sinala que "Ernesto Chao era un referente para toda unha profesión, unha profesión que sería difícil de imaxinar sen o seu traballo e o seu tesón dende os comezos da súa traxectoria. Ernesto comezou cando todo estaba por inventar e, grazas a el, xunto a toda a súa xeración, impulsou o noso sector, tanto dende a súa vertente escénica como audiovisual". Para a Xunta Directiva, tamén cómpre lembrar "o inmenso afecto" que espertaba para o conxunto do oficio e destacar que significou "un cohesionador da profesión" e un "rostro moi querido para o público, tanto aquel que puido gozar do seu traballo sobre a escena coma o que o viu desenvolver o seu traballo na pequena e grande pantalla". A Xunta Directiva da AAAG subliña "a súa gran valía persoal" e destaca a súa traxectoria, que foi exemplo para "as xeracións que seguiron os seus pasos e ben seguro que o seguirá a ser".

Desde Escena Galega lembran que foi presidente da entidade representativa das compañías galegas de teatro e non dubidan en mencionalo como "figura fundamental do teatro galego nas últimas décadas e traballador incansable pola consolidación e mellora do sector". Compañías como Ibuprofeno teatro deitaron nas redes mensaxes de pesar nos que lembran "con gratitude a súa prolífica carreira e todo o que ten feito en prol do teatro galego". O Centro Galego de Arte Contemporánea tamén recoñeceu hoxe a perda dun “referente” para a cultura galega. O Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, tamén tivo hoxe unhas palabras para despedir ao artista do que dixo que "era máis que un actor comprometido coa escena e o audiovisual galegos. Meteuse nas nosas casas a cear moitas noites, conseguindo sempre unha risada. Déixanos unha icona do teatro e da televisión, con carreira ininterrompida desde o ano 1969." Desde o Departamento municipal de Cultura de Santiago, cidade na que residía, tamén lamentaron a súa desaparición lembrándoo como "un dos imprescindíbeis da nosa cultura". Tamén dese os principais partidos políticos do país e de moitas localidades quixeron hoxe ter unhas palabras de recordo ao actor e de agarimo cara a súa familia e ao mundo do teatro.

Desde o Centro Dramático Galego a dirección e persoal tiveron tam´n palabras de acompañamento cara a familia de Chao e recoñeceron nel a "un dos grandes da nosa escena e do noso audiovisual, pioneiro e referente co que tivemos a sorte de traballar en numerosas ocasións: ademais de como director do Centro Dramático Galego entre os anos 1986 e 1987, como parte dos elencos de Agasallo de sombras, Os vellos non deben de namorarse, As tres irmás, As alegres casadas, O incerto Sr. Don Hamlet, Un Soño de verán, Valle-Inclán 98 ou O profesional, entre outros."