Avelina Pérez faise co Premio Abrente de textos teatrais da MIT

O xurado da 13ª edición concedeullo por maioría

A obra O día no que bicar a terra de Avelina Pérez (Santa María de Oia, Pontevedra, 1969), ven de facerse co XIIIº Premio Abrente de Textos Teatrais convocado pola Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT). Segundo informa a revista de teatro Erregueté o xurado resolveu conceder por maioría este recoñecemento ao texto asinado Avelina Pérez do que din que é "un reto, na liña das catedrais do 'teatro irrepresentable' que logo e, polo tanto, demostran a súa forte pulsión escénica, modernizadora e innovadora". Segundo a acta, "o xurado defende o valor dunha peza profundamente crítica, na que bailan as palabras e as emocións. Unha peza de sensacións, una evocación constante de imaxes, dende unha postura sarcástica e envolvente, inclasificable." Avelina Pérez, formada en Dirección de escena e dramaturxia na ESAD, é autora de obras como Non teño espello no baño (Premio da Audiencia no Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural), Eu controlo (Premio A pegada do Eco), Os cans non comprenden a Kandinski ou Os arroaces son animais sucios e desesperados (premio no I Torneo Dramatúrxico de Galicia). O Premio Abrente para Textos Teatrais está dotado cunha cantidade de 3.500 euros máis a publicación da obra na colección Abrente de textos teatrais da editorial Difusora de Letras, Artes e Ideas.