Ourense presenta un plan estratéxico bianual de subvencións á cultura

Crease unha nova liña de axudas a festivais, ciclos e mostras de artes escénicas e musicais

| Santiago. Redacción | Seccións: Políticas Culturais
Compartir:

O Concello de Ourense vén de presentar o Plan Estratéxico de Subvencións da Concellería de Cultura para os vindeiros dous anos, con eleccións polo medio. En total, 534.400 euros destinados tanto á realización de actividades, ao tecido cultural de base e ás empresas culturais. As partidas, con carácter anual, repártense en tres grandes bloques conformados por subvencións e réxime de concorrencia competitiva, convenios con entidades e premios. Como novidade haberá unha partida dedicada ás subvencións a festivais, ciclos ou mostras de artes escénicas ou musicais.

Segundo este documento estratéxico os vindeiros dous anos o Concello de Ourense dedicará 210.000 euros en cada exercicio a subvencións en réxime de concorrencia competitiva repartidos para asociacións e entidades sen fin de lucro (60.000 euros); comisións de festas e entidades sen fin de lucro que desenvolvan accións no eido festivo (50.000 euros); e, como novidade, unha partida para a realización de festivais, ciclos ou mostras relacionadas coas artes escénicas ou musicais(100.000 euros). O Plan mantén os convenios coas entidades de cidade que desenvolven actividades culturais continuadas como o Liceo, Ateneo, Coral de Ruada e Cineclube Padre Feijóo, con 6.000 euros cada un (24.000 euros anuais). Ademais o Concello destinará 33.200 euros anuais durante ese período a premios de carácter cultural, que serían para os concursos de deseño dos carteis do ciclo festivo (Entroido, Maios, festas de Ourense, Samaín e Magosto); premio Risco de creación Literaria; premio de Poesía Cidade de Ourense; concurso de comparsas e carrozas do Entroido; concurso de Maios e Coplas; concurso de disfraces Entroido de Verán; concurso de Beléns; e outros premios (Pintura rápida, Maratón Fotográfico e Ouff Escola. Xustamente o OUFF, un dos eventos culturais máis importantes da cidade, aínda non ten datas de celebración (para este ano xa está claro que no o haberá) e a súa xestión e organización están tamén sen determinar tras da renuncia dos anteriores xestores.

Que che parece esta nova?
32 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Artes Escénicas, Concello de Ourense, Entroido, OUFF...