Bettina Kohlass dirixirá o Teatro Colón

O Concello da Coruña facía onte público o nomeamento da xornalista e xestora cultural

A xornalista e xestora cultural Bettina Kohlass dirixirá o Teatro Colón na etapa inaugural deste equipamento a cargo do Concello da Coruña. O responsable de Cultura do goberno local, José Manuel Sande, asinaba onte o nomeamento que realizou o consello reitor do Instituto Municipal Coruña Espectáculos. Kohlass, que xa fora responsable do Fórum Metropolitano, da área de Cultura da Fundación Barrié ou da comunicación do Festival Mozart, posúe formación no campo da comunicación, ciencias económicas e produción musical, e ten traballado na coordinación de xiras europeas e festivais en Nordesía Produccións, ademais de ser responsable de actividades da Obra Social la Caixa na Catedral de Compostela.

Segundo lembrou Sande, logo dos meses verán, nos que o espazo acollerá concertos do Festival Noroeste ademais dunha residencia artística, o equipamento achegará unha nova programación escénica "que complementará a oferta da cidade, e cuxas liñas serán presentadas nas vindeiras semanas".