Un total de 539.584,94 € é o orzamento que a área de Cultura da Deputación da Coruña destina aos festivais de música, teatro e audiovisual organizados polos concellos. Vinte e seis festivais recibirán este ano apoio para o desenvolvemento da súa programación. Unha das citas máis veteranas, o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, leva este ano a máxima das axudas que concede o ente provincial con 85.000 euros, apenas mil euros máis que o seguinte máis beneficiado, a XVª edición do festival Internacional de Curtametraxes CurtocircuÃto de Santiago. Os eventos relacionados co audiovisual conseguen case a metade do total deste orzamento, acadando entre os oito que se recollen nesta resolución, un total de 267.808 euros. Mentres, os festivais de teatro e artes escénicas organizados polos concellos da provincia recollen axudas por menos de 40.000 euros en total e as citas dedicadas á música, nove en total contando a Festa do Queixo, acadan axudas por valor de 180.241,15 euros. Segundo a propia deputación a cantidade total que se dedica nesta resolución duplicarase coa concesión de axudas a entidades que organizan festivais co que sumará un millón de euros.