Quiosco: Ligeia 1

A nova revista céntrase na literatura e o xornalismo

A coincidir co Día das Letras presentábase Ligeia unha nova revista dedicada á poesía contemporánea, ao xornalismo e á investigación literaria. Dirixida por Marcus Daniel Cabada e Tamara Andrés, a publicación sae á rúa con textos en galego e castelán e cun primeiro número que chama a "Recuperar as mans". Textos de setenta autores de catorce países fan parte desta primeira entrega, con colaboracións de nomes como Marta Dacosta, Oriana Méndez, Arancha Nogueira, Amauta Castro, Eli Ríos ou Emma Pedreira pola banda galega. Canda a textos de creación, poden atoparse artigos como Neira Vilas en la diáspora: la construcción de un imaginario, entrevistas a Óscar Hahn, Piedad Bonnett, Keith Payne ou Xosé Mexuto ou un perfil a Xosé Manuel Beiras entre outros contidos. Con periodicidade trimestral, a publicación estará á venda por 4,50 euros e poderá descargarse de balde do seu web, que estará activo a partir do vindeiro 1 de xuño.